Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Volta Galicia Máster de Ciclismo percorrerá o sur da provincia de Pontevedra esta fin de semana

16/04/2015

Esta fin de semana celebrarase a Volta Galicia Máster de Ciclismo, organizada polo Club Ciclista de la Fuente, en colaboración cos concellos de Tui, O Porriño e Tomiño, e coa Federación Galega de Ciclismo, así como co apoio loxístico da empresa EME Sports do ex-ciclista profesional Ezequiel Mosquera. Na mesma participarán máis de 160 ciclistas máster, que percorrerán o sur da provincia de Pontevedra en tres etapas.

A proba, dirixida ás categorías amateurs Máster 30 (30-39 anos), Máster 40 (40-49 anos) e Máster 50 (50-59 anos), estará dividida en tres etapas, empezando mañá sábado pola mañá cun percorrido de 78,6 quilómetros con saída e chegada no Porriño. Na xornada do sábado pola tarde, no municipio de Tomiño, disputarase unha contra reloxo individual de 6,5 quilómetros.

 

Xa no domingo, a competición rematará coa terceira etapa de 86,3 quilómetros, con inicio ás 10.30h no Paseo da Corredoira de Tui, onde volverán os ciclistas tras percorrer o suroeste da provincia de Pontevedra, sendo unha das principais dificultades a subida a San Antoniño no tramo final.

A entrega de trofeos do evento, realizarase a partir das 13.30 horas, no palco da música no Paseo da Corredoira de Tui.