Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A visita temática sobre “As familias xudías de Tui” abre o Setembro Xudeu en Tui

29/08/2024

Será este domingo, 1 de setembro, ás 11.30 h en Riomuíños guiada por Suso Vila

O amplo programa de actividades que organiza o Concello de Tui para a celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía baixo o nome de “Setembro xudeu en Tui” comezarán este domingo, 1 de setembro, cunha visita guiada sobre “As familias xudías de Tui” que correrá a cargo do historiador tudense Suso Vila.

Esta visita, de asistencia libre a gratuíta, comezará ás 11.30 h deste domingo no lavadoiro do barrio tudense de Riomuíños, onde se iniciará un percorrido para o descubrimento da importante pegada que diversas familias tudenses, que formaban parte das comunidades xudías e criptoxudías da nosa cidade, deixaron na nosa historia colectiva.

Suso Vila é un recoñecido historiador tudense cunha alongada traxectoria na investigación sobre a nosa cidade. Ten publicados numerosos libros e artigos sobre a historia tudense e especialmente no que atinxe á presenza xudía na cidade fronteiriza, temática sobre a que ten publicados dous libros e numerosos artigos de investigación.

Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio, sinala que esta visita temática sobre as familias xudías tudense se enmarca na temática central das Xornadas Europeas da Cultura Xudía -que se celebran en 35 países de Europa- que neste ano 2024 ten como tema a “Familia” un tema substancial na cultura xudía pois as tradicións familiares seguen dando forma á vida familiar contemporánea conectando o pasado co presente nun delicado equilibrio de preservar o seu patrimonio inmaterial e, ao tempo, adaptarse  ás esixencias da vida actual.

A concelleira tudense destaca que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).

  • Domingo, 1 de setembro
  • 11.30 h.: Visita guiada “As familias xudías de Tui”  guiada polo historiador Suso Vila
  • Inicio: no lavadoiro de Riomuiños