Visita guiada pola Ruta Xudía este domingo en Tui
Dentro do programa de actividades do “Setembro Xudeu” este domingo, 7 de setembro, ás 11.30 h terá lugar unha visita guiada cun percorrido pola ruta xudía no conxunto histórico tudense. Comezará na Oficina Municipal de Turismo no Paseo da Corredoira.
Esta itinerario estará cargo da guía Sara Quintana, que posúe unha dilatada experiencia nas visitas ao conxunto histórico tudense e que tamén está acreditada pola Red de Juderias de España como guía Rasgo, que certifica a súa formación sobre a herdanza xudía.
Esta ruta permitirá ás persoas asistentes coñecer o patrimonio xudeu e criptoxudeu da cidade de Tui e descubrir as pegadas do seu legado, que en moitos casos non está visible para os visitantes, ofrecendo unha experiencia de achegamento a esta faceta do patrimonio cultural tudense.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, convida a tudenses e visitantes a participar nesta actividade así como na ampla oferta que ten programada o Concello de Tui ao longo deste mes de setembro para celebrar as “Xornadas Europeas da Cultura Xudía”.
Cómpre lembrar que dentro deste programa do “Setembro xudeu” no Parador de Turismo de Tui está dispoñible todos os días un menú sefardí con diversas receitas recuperadas da tradición sefardí. É necesaria a reserva previa.