Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Vai de Camiño” presenta en Tui aos grupos de jazz “Abe Rábade Trío” e “Sumrrá”

25/08/2006

“Vai de Camiño” presenta en Tui aos grupos de jazz “Abe Rábade Trío” e “Sumrrá”

A Concellería de Cultura de Tui e a Consellería de Innovación e Industria ao través do Xacobeo presentan en Tui este sábado un concerto de Jazz no marco da iniciativa “Vai de Camiño” que promove a Xunta de Galicia nos Camiños de Santiago.

A praza de San Fernando acollerá o sábado, dende ás 23h, un concerto de Jazz a cargo dos grupo galegos “Abe Rábade Trío” e “Sumrrá” que presentarán composicións dos seus últimos traballos discográficos xunto a outros do seu repertorio, na meirande parte composicións propias, e amosarán ao público o bo nivel do jazz galego, recoñecido nestes grupos a nivel internacional.

O “Abe Rábade Trío” creouse en 1996 e está formado por Abe Rábade, piano e composición, Paco Charlín, contrabaixo, e Bruno Pedroso, batería. En 2000 recibiron o 2º Premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (Euskadi) e o directo desa noite conformou o seu o debut discográfico con “Babel de Sons” que se publicou ao ano seguinte.

Abe Rábade foi galardonado en 2001 co Premio Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España, concedido pola SGAE. Un ano despois o grupo lanzou o seu segundo traballo discográfico “Simetrías”. O seu terceiro traballo “Playing on light” foi presentado este mesmo e esta a colleitar unha boa crítica que louba o bo facer jazziztico do grupo.

O repertorio de “Abe Rábade Trío” é maioritariamente orixinal, abarcando os máis diversos estilos jazzísticos. Teñen actuado en innumerables festivais de Jazz entre os que destacan o de Plaza de La Habana en Cuba, o de Gexto en Euskadi, o de Ibiza, Gijón, ou San Isidro en Madrid, entre moitos outros.

Sumrrá nace no verán do 2001 do azar, da espontaneidade,e do capricho de Manuel Gutiérrez, piano, Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo, e Luis Alberto Rodríguez Legido, batería. Sumrrá ten un primeiro disco no mercado, gravado no ano 2002 e editado baixo título homónimo pola discográfica compostelá Madame Mir no 2003. Sumrrá traballa basicamente sobre composicións orixinais, o que facilita que o grupo se vexa inmerso nun proceso constante de retroalimentación creativa. No ano 2004 gravarón un segundo disco, cuxo repertorio xa está preparado e está poñéndose a proba en directo.

Teñen actuado no Festival Imaxina Sons en Vigo, no Filloa Jazz Club na Coruña, no Festiva PonteJazz de Pontevedra, en Santiago de Compostela, Ortigueira, Carballo, Betanzos, e no Festival UniversiJazz de Valladolid.

Vai de Camiño cos grupos “Abe Rábade Trío” e “Sumrrá”
Data: Sábado 26 de agosto ás 23.00h
Lugar: Na Praza de San Fernando