Uxía Lambona e a Banda Molona presentan este venres en Tui o seu novo espectáculo “Un soño é…”
Será ás 19.30 h no Teatro Municipal dentro da programación de Outono. As entradas están á venda en tui.gal
Uxía Lambona e a Banda Molona presentan esta venres, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui o seu novo espectáculo musical “Un soño é…” dentro da programación de outono organizada polo Concello de Tui, a través da concellería de Cultura.
En 2014 naceu a banda infantil Uxía Lambona e a Banda Molona formada por Pali ao baixo, Ñoc á batería, Diego á gaita e frauta, Serghaño á guitarra, Roscón ao acordeón e Uxía cantando e animando. Interpretan os clásicos populares galegos dándolles o seu toque particular, desde A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro” xunto a temas propios e ritmos que van do ska, o reggae, o klezmer, a cumbia, ao tango. Os seus concertos están cheos de bailes, xogos, coreografías e sorpresas. Contan con tres traballos discográficos publicados "Uxía Lambona e a Banda Lambona" en 2015, "A bailar coma tol@s" en 2017 e "Astronauta Sideral" en 2019.
En “Un soño é….”, o espectáculo que presentan este venres en Tui, o fío condutor serán os soños de cada un dos integrantes da banda, Ñoc, Pali, Abraham, Serghaño, Roscón e Uxía. Non será “un concerto ao uso” xa que terá unha gran parte de animación.
As entradas, que van a bo ritmo de venda, pódense adquirir até o venres ás 19.15 h en tui.gal aos prezos de 4€ e 3€.
Con este concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona ábrese a programación do mes de novembro no Teatro Municipal. As próximas citas serán o venres 10 ás 21.30 h coa proxección da película “Matria” de Álvaro Gago, o venres, 17 de novembro, ás 19.30 h Baobab Teatro representará “Ás para Álex”, e por último o venres 24, ás 21.30 h será a quenda de Redrum Teatro con “Hamelin”. Todas as entradas están xa á venda en tui.gal.