Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Uxía e Narf e Pandeiromus actuarán na Corredoira o sábado 15 de agosto co gallo da V Festa do Miño

7/08/2015

 

A Romaría en Caldelas, o Descenso, o Festival Gastronómico, e os concertos no Paseo da Corredoira figuran no programa previsto

Venres, 7 de agosto de 2015. O vindeiro sábado día 15 de agosto, Tui celebra a V Festa do Miño, onde serán os auténticos protagonistas a Romaría en Caldelas, o Descenso Popular e Internacional do Miño, o Festival Gastronómico e os concertos no Paseo da Corredoira.

O programa previsto comezará ás 12h. coa saída dende o Paseo da Corredoira ata Caldelas, onde se celebrará un xantar campestre a prezos populares. Na Ribeira de Caldelas contarase con animación musical cun dj, así coma coa actuación de grupos folclóricos entre os que se atopa a Agrupación As da Abadía de Caldelas. A continuación terán lugar as probas do Descenso Popular e o XLIV Descenso Internacional do Miño.

A Festa do Miño proseguirá a partir das oito da tarde e até ás 23.30h. no Paseo da Corredoira, co Festival Gastronómico a cargo de nove asociacións culturais organizadoras. Preto de 22 postos presentarán a prezos populares, 1€, 2€ e 3€, produtos da gastronomía galega coma empanada, filloas ou chourizos, entre outros.

E para rematar, a xornada a Festa do Miño conclúe no Paseo da Corredoira con concertos musicais. Actuarán ás 22:30h Uxía e Narf, espectáculo cunha duración de 60 minutos. Ámbolos artistas tocarán pezas do seu primeiro disco en conxunto, "Baladas da Galiza imaxinaria". Trátase dun proxecto que nace logo de viaxes e experiencias noutros continentes.

Deseguida, ás 23.30h tócalle a quenda ao grupo de música tradicional Pandeiromus, concerto que se alongará 90 minutos. As súas melodías son froito da recompilación de historias, cancións e da tradición de Galicia. No seu concerto, as voces dos tres membros de Pandeiromus mestúranse cos sons  da pandeireta, da gaita, do pandeiro, das percusións, e mesmo con outros elementos como culleres, botellas ou mesmo latas de carburo.