Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Urban Trail Night Eurocidade bate récord con máis de 420 atletas

25/11/2022

Sairá mañá as 20.30 h de Valença, e a liña de meta estará no Paseo da Corredoira de Tui

A sexta edición da Urban Trail Night Eurocidade baterá mañá record de participación con máis de 420 persoas inscritas. A madriña da proba será a triatleta Aida Valiño que tamén participará na mesma.

A carreira nocturna, organizada polas empresas Noko360 e Sra. Emilia en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença sairá mañá ás 20.30 hora española, dende o Centro Coordinador de Transportes de Valença. A liña de meta estará situada no Paseo da Corredoira de Tui. Por vez primeira a proba contará con dúas distancias, 16 km e 8 km, para deste xeito chegar a un maior número de deportistas e coa máxima é dar a coñecer o patrimonio histórico e natural de Tui e Valença da man do deporte, xa que boa parte do percorrido transcorrerá pola Fortaleza de Valença e polo conxunto histórico de Tui, atravesando amais a centenaria ponte internacional que une as dúas cidades.

Prevese que os primeiros participantes na distancia curta, 8 quilómetros, poidan cruzar a liña de meta 40 minutos despois da saída, mentres que os que realicen a distancia longo empregarán pouco máis dunha hora.

A Urban Trail Night Eurocidade súmase á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller agasallando a todas as persoas participantes cunha camiseta de cor morada.

Esta é a penúltima proba do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença deste ano 2022.