Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unimiño organiza esta fin de semana dúas andainas por “terras protexidas” de Tui, Paredes de Coura e Valença

24/06/2015

Estas andainas substitúen á Andaina Saudable da Eurocidade programada para este domingo 28

Martes, 23 de xuño de 2015. A Asociación do Val do Minho Transfronteirizo - Unimiño organiza esta fin de semana, o sábado e mailo domingo, a Andaina por Terras Protexidas entre Tui, Paredes de Coura e Valença, dentro do proxecto ECOTUR. Esta iniciativa pretende valorizar e promover de forma sistemática os recursos, valores e funcións ambientais do Val do Miño Transfronteirizo, clasificados e protexidos ao abrigo da Red Natura 2000.

Así, este sábado 27 de xuño celébrase a primeira etapa, entre Paredes de Coura e Valença, cun percorrido de 12 quilómetros, de dificultade baixa, cunha duración aproximada de 4 horas. O punto de encontro é na Igrexa Matriz de Friestas (42°2'43.17″N/8°34'12.44″W), ás 17.30 horas españolas.

Este domingo 28 realizarase a segunda andaina, entre Valença e Tui, cun percorrido de 15 quilómetros, de dificultade fácil/moderada, cunha duración aproximada de 5 horas e media e con punto de encontro na Central de Transportes de Valença (42° 1'20.79″N / 8°38'33.42″W), ás 10.30 horas españolas.

Dado que cada andaina está limitada a 54 prazas, as inscricións deberán facerse a través do correo electrónico comunicacao@uniminho.eu, ata este venres día 26 de xuño, ás 16.00 horas españolas, cos seguintes datos obrigatorios: Nome e apelidos - Data de Nacemento - DNI -Teléfono móbil - Enderezo electrónico - Localidade - Día(s) da(s) Andaina(s).

Toda a información poderá encontrarse na páxina http://tecpro.com.pt/uniminho/eventos/ ou no número de teléfono 00351.251.800.550

Debido á realización destas andainas ECOTUR, queda aprazada a andaina saudable da Eurocidade "Ruta das Pesqueiras", que estaba programada para este domingo 28 de xuño.