Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha vintena de membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Granada foron recibidos polo Concello de Tui

6/08/2015

A Asociación leva máis de doce anos peregrinando a Santiago, utilizando cada ano os diversos camiños que conducen a Compostela

 

Xoves, 6 de agosto de 2015. Unha vintena de membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Granada, que están a realizar a peregrinaxe a Compostela, foron recibidos onte no Salón de Plenos do Concello de Tui. O acto contou coa presenza da concelleira de Cultura, María José González e do concelleiro de Turismo, Laureano Alonso.

 

A Asociación, que naceu o 12 de setembro de 1992, foi creada co gallo de coñecer as diferentes rutas que unen a cidade de Granada con Santiago.  Trátase da organización máis antiga de Andalucía dedicada ao Camiño, e os seus membros levan máis de doce anos peregrinando a Santiago de Compostela, utilizando as diversas rutas que conducen á cidade.

 

A concelleira de Cultura, María José González, mostrou o seu entusiasmo por recibir a Asociación e sinalou que "sempre é un orgullo que familias enteiras fagan o Camiño de Santiago"

 

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, deu conta de que Tui é unha cidade con moita historia, ademais de ser porta do Camiño Portugués. Alén diso, o concelleiro explicoulles ós peregrinos que o Casco Histórico da cidade é o segundo en extensión de Galicia, e merece ser visitado polas súas rúas con encanto, e por outras zonas descoñecidas como é a xudería. Finalmente, Laureano Alonso desexoulles ós membros da Asociación un bo camiño para poder desfrutar de Tui e de Galicia.

 

O acto concluíu co intercambio de obsequios. O Concello de Tui agasallou á Asociación cunha figura da Catedral de Tui, e os Amigos do Camiño de Santiago fixeron entrega, da man do seu presidente Juan Carlos Castro Aranda, dunha guía do Camiño Mozárabe de Santiago, que parte de Granada, elaborada pola organización e un viño da zona.