Unha homenaxe a Darío Álvarez Blázquez abre a programación do Mes da Memoria Democrática
Cunha homenaxe a Darío Álvarez Blázquez comezou hoxe a programación do Mes da Memoria Democrática.
O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acolleu este primeiro evento que contou coa intervención de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; de Valentín García, secretario Xeral da Lingua; de Xoaquín Monteagudo, presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; de Manuela Valencia da Irmandade da Sanidade Galega, de Roberto Fernández, médico; e de Carlos Méixome, profesor. En nome da familia tomaron a palabra Carlota e Alfonso, netos de Darío Álvarez Blázquez.
Na súa intervención o alcalde, Enrique Cabaleiro, manifestou o compromiso inequívoco do concello cos actos da memoria. Amosou a súa convicción en que os responsables públicos “temos a responsabilidade, e tamén o deber, que liderar estes procesos de recuperación da nosa memoria histórica”. Engadiu que “este tipo de actos deben ser actos de chamamento, e de sensibilización, sobre todo ás xeracións máis novas en aras de que os dereitos e liberdades que hoxe temos hai que defendelos e protexelos”
O acto contou coa participación de Sara Quesado ao clarinete e Jacobo González, alumna e profesor do Conservatorio Profesional de Música de Tui.
Na escalinata de pedra que une a Glorieta de Vigo co Paseo Familia Álvarez Blázquez fíxose a foto de familia, previa ao descubrimento da escultura co busto de Darío Álvarez Blázquez obra de Jose Molares.
Os actos do mes da memoria continuarán o luns ás 10.45 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.
 




