Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha empresa reclámalle ó Concello de Tui o pago dunha placa de bronce que nunca chegou a utilizarse

16/10/2015

A placa foi encargada polo anterior goberno e o custe ascende a máis de 2.000 euros

 

Venres, 16 de outubro de 2015. Unha empresa de fundicións de Moaña reclámalle ó Concello de Tui o pagamento de máis de 2.000 euros por unha placa de bronce, destinada para as instalacións deportivas do C.D. Caldelas, e que nunca chegou a utilizarse.

 

A placa foi encargada pola anterior corporación municipal, e debería terse colocado na inauguración oficial do Campo de Fútbol de Caldelas, o 22 de marzo deste ano, acto que nunca se realizou. A placa, de 60x40 cms, ten a seguinte lenda: "Inauguración das instalacións deportivas do C.D. Caldelas, sendo presidente da Excma. Deputación de Pontevedra, D. Rafael Louzán Abal, Alcalde de Tui, D. Moisés Rodríguez Pérez e presidente do Club Deportivo Caldelas, D. Juan Ángel Gándara Castiñeira.

 

Por isto, nun primeiro momento, tentouse devolver a placa e que a empresa a fundise, pero o valor do bronce fundido sería só de 200 euros.

 

Malia que efectivamente a placa nunca chegou a utilizarse, a actual corporación do Concello de Tui, no intento de non prexudicar á empresa de fundicións, chegou a un acordo coa mesma, para a reutilización da placa cambiando o texto e para o pago desta factura atrasada que data do 1 de abril de 2015.

 

A actual corporación quere chamar a atención sobre o despilfarro que significan para as arcas públicas e para o conxunto da cidadanía feitos como os relatados nesta nota, encargar unha placa de 2.000 euros e nin tan sequera colocala. O goberno local destaca a necesidade de evitar estas actitudes e destinar os cartos públicos a accións máis rendibles para os veciños.