Unha ducia de actividades enchen o “Setembro Xudeu” en Tui con visitas guiadas, conferencias, exposicións, música e ruta de tapas
Tui é a única cidade da provincia integrada na Red de Juderías de España e no itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu”
O mes de setembro en Tui estará centrado nas actividades programadas para a posta en valor do patrimonio que atesoura esta localidade en relación coa presenza de comunidades xudías e criptoxudías ao longo dos séculos nesta histórica cidade.
A celebración, en 35 países de toda Europa, na primeira fin de semana de setembro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía - que Tui celebra dende o ano 2006 - é a oportunidade para un amplo programa de actividades que percorren todo o mes.
Visitas guiadas tematizadas, conferencias, exposicións, xogo de escape room, concerto de música sefardí, as xornadas gastronómicas sefardís centradas neste ano nunha ruta de tapas de bacallau... son as ofertas que o Concello de Tui programa para este “Setembro xudeu” co obxectivo de poñer en valor a importancia da herdanza da cultura xudía e o seu patrimonio.
Cada ano se selecciona unha temática central que serve como punto focal para debates, actuacións e diversas actividades culturais. En 2024, o tema central das Xornadas Europeas da Cultura Xudía será “Familia”, un concepto co que a Rede de Xuderías -da que Tui forma parte dende 2019- quere mostrar como o proxecto común de recuperación do legado xudeu que comparten as súas 21 cidades é entendido como a extensión dunha gran familia que traballa unida nun proxecto profundamente enraizado e que crece e florece arredor da cultura e o patrimonio.
Ao longo de todo o mes de setembro colocarase na Praza do Concello e na Oficina de Turismo unha gran árbore que simboliza a unión e o crecemento das cidades que forman parte da Rede, propoñendo á veciñanza e visitantes formar parte das Xornadas cunha sinxela actividade dotada de premios. Para iso, os participantes deberán facerse unha foto xunto á árbore, e subila a instagram etiquetando á conta da Rede de Xuderías nesta rede social (@redjuderias). Entre todas as fotos, sortearanse exemplares das publicacións da Rede de Xuderías que rescatan o patrimonio material e inmaterial desta herdanza (“Ciudades de Sefarad”, “Sabores de Sefarad” e “Gastrosimbología”).
Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, a celebración deste “Setembro xudeu” reúne un amplo abano de ofertas e actividades para todos os públicos que nos achegan ao coñecemento do legado xudeu na nosa cidade que conforma un interesante capítulo da historia tudense. Cabe lembrar, engade a concelleira, que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).
Ana María Núñez destaca, xunto ás visitas teatralizadas, a presentación do libro e exposición de Vilma Faingezicht - que chega dende Costa Rica -, a conferencia de Israel Doncel, director de comunicación de Casa Sefarad, o concerto do dúo “Terra sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”, o xogo de escape room ou a nova oferta das xornadas gastronómicas sefardís cunha ruta de tapas de bacallau en oito establecementos da nosa localidade.
PROGRAMA
- Todo o mes de setembro
- Photocoll Xornada Europea da Cultura Xudía – Familia
- Situado en Praza do Concello e Oficina de Turismo
- Escape Room, descarga mediante QR na Oficina Municipal de Turismo
- Xornadas gastronómicas sefardís: ruta de tapas de bacallau
- Domingo, 1 de setembro
- 11,30 h.: Visita guiada “As familias xudías de Tui”
- Guiada polo historiador Suso Vila
- Inicio no lavadoiro de Riomuiños
- Luns, 2 setembro
- 20,00 h.: Presentación do libro de Vilma Faingezicht
- “Una judía en el Camino de Santiago”
- Exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” de Vilma Faingezicht
- Exposición “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”. Comisario Suso Vila.
- Sala Municipal de Exposicións – Edificio Francisco Sánchez
- Venres 6 de setembro
- 19,30 h.: Conferencia ““El mundo judío comunicado a través del arte”
- Israel Doncel, director de comunicación de Casa Sefarad
- Sala Municipal de Exposicións – Edificio Francisco Sánchez
- Sábado, 7 setembro
- 22,00 h.: Visita guiada nocturna con degustación de viño kosher
- Inicio Oficina Municipal de Turismo
- Domingo, 8 setembro
- 11,30 h.: Visita guiada con momento musical
- Inicio Oficina Municipal de Turismo
- Domingo, 15 domingo
- 11,30 h.: Vista teatralizada ao patrimonio xudío
- Inicio Oficina Municipal de Turismo
- Domingo 22
- 11,30 h. Visita guiada “Presenzas xudías na catedral de Tui”
- José Ramón Fernández Fernández
- Inicio: Portada da Catedral de Tui
- 20,00 h.: Concerto do dúo “Terra sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”
- Igrexa gótica de San Domingos de Tui
- Sábado 28
- 18,00 h. Escape Room: “A comunidade xudía de Tui”
- Inicio Oficina Municipal de Turismo
- Domingo 29
- 18,00 h. Visita guiada ao Tui xudeu
- Inicio na Oficina Municipal de Turismo