Un total de 14 proxectos, 4 en Tui, foron os postos en marcha en 2023 e 2024 ao abeiro da Medida Leader de Galicia Suroeste
Un total de 14 proxectos en sete concellos, entre eles Tui, foron os postos en marcha en 2023 e 2024 ao abeiro da Medida Leader, consolidando o tecido económico e social do territorio de Galicia Suroeste. En conxunto supuxeron un investimento de máis de 1,5 millóns de euros, dos que preto de 746.000€ foron financiados a través destes fondos europeos.
Nesta convocatoria puxéronse en marcha iniciativas nos concellos de Tui, A Guarda, Gondomar, Mos Nigrán, O Porriño, e Pazos de Borbén centradas en ámbitos tan diversos como o turismo, a saúde, a cultura, a natureza, a accesibilidade ou o lecer.
Estes catorce proxectos permitiron a creación de 14 novos postos de traballo e a consolidación doutros 24 empregos existentes.
A presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, sinalou que “cada proxecto que apoiamos a través da Medida Leader representa unha semente de futuro. Non só fortalecemos a nosa economía, senón que tamén consolidamos o arraigo ao noso rural, fomentamos o emprego local e damos pulo ao asentamento poboacional nos nosos concellos”. González quixo ademais felicitar “a todas as persoas emprendedoras que confían no potencial de Galicia Suroeste e poñen en marcha iniciativas que deixan pegada no territorio”.
Cunha subvención de case 550.000 euros de fondos da Medida Leader e un investimento total de 1,26 millóns de euros, puxéronse en marcha sete proxectos que permitiron a creación dun servizo turístico nunha embarcación tradicional en Tui; a posta en marcha dun mercado de libros de segunda man en Pazos de Borbén; a creación dunha clínica dental e dunha fábrica de gominolas en Nigrán; a posta en marcha dun hotel de tres estrelas en Tui; a modernización e equipamento da Carpintería Joyla no Porriño; e a rehabilitación dunha edificación tradicional para transformala en pensión, tamén en Tui.
Por outra banda, conseguíronse máis de 152.000 euros para subvencionar cinco proxectos non produtivos, cos que se creou unha área recreativa inclusiva no Torroso, no concello da Guarda, ou dun bosque comestible para a recuperación do patrimonio cultural e natural en Gondomar; se adquiriu unha embarcación adaptada para formar a patróns de recreo en Tui; e se reformou o espazo e se puxo en marcha unha lavandería inclusiva e sostible na casa Santa María de la Esperanza Exclavas de la Virgen, en Mos.
En canto aos proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas, ao abeiro da Medida Leader acadáronse máis de 66.000 euros de fondos públicos para a instalación dunha pista de skate no velódromo de Atios, no Porriño, e para a posta en marcha do observatorio da Xunqueira de Ramallosa, en Gondomar.
Para visibilizar o impacto real destas iniciativas, a presidenta de Galicia Suroeste visitou este mércores o Hotel Amoriño de Tui acompañada do alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, e da tenente de alcalde Ana Núñez. Trátase da posta en marcha dun hotel de tres estrelas na parrroquia de San Bartolomeu de Rebordáns nun edificio de planta baixa con cinco cuartos dobres con terraza e espazos de uso común completados con xardín exterior e piscina e solarium. Unha iniciativa que nace no paso do Camiño de Santiago nunha contorna de gran valor paisaxístico e patrimonial e cunha ampla oferta de restauración especializada en produto local nas súas inmediacións.
Como sinalou o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, estas visitas serven “para visibilizar os fondos Leader, un instrumento moi necesarios e moi útiles que moitas veces a veciñanza non saben como acceder a elas e que serven para apoiar iniciativas de carácter privado que animan á dinamización social e económica dos nosos concellos”.
Toda a información dos proxectos da Medida Leader, así como da nova convocatoria está dispoñible na páxina web de Galicia Suroeste.