Un serán tradicional abre a programación do MUMI 2024
Será ás 20.30 h ES na praza de San Fernando
O MUMI a súa 5ª edición cun serán no que a as persoas poden achegarse para bailar, tocar e pasalo ben. O Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal quere poñer o foco na música tradicional de base, apostando por darlle espazo dentro do contexto profesional, como un eixe clave da nosa cultura. Se a música de raíz está hoxe máis viva que nunca en todas as programacións e ocupa os escenarios con grandes espectáculos é grazas a unha fornada de músicas e músicos que se coceron na calor dos seráns espallados por toda Galicia onde se mantén vivo o espírito de comunidade orixinal, participativo e horizontal que caracteriza as nosas foliadas. Con esta apertura, o encontro celebra e recoñece o papel fundamental dos seráns na difusión do noso patrimonio oral, e na formación da nosa canteira musical.
O serán comezará esta tarde ás 20:30 na Praza de San Fernando de Tui coa participación dos Pandereteiros de O Fiadeiro (Vigo), Arrancaxestas e Pituquiñas da AC Santa Columba (Ribadelouro-Tui); Ai Hox (O Morrazo); Ferraias da ETEA (Vigo); Os Beretes de Chapela; e as Pandeireteiras do Tambor Colectivo (Sárdoma-Vigo).
Su Garrido Pombo estrea mañá no MUMI o seu novo proxecto de banda ‘Traspielas’
O primeiro showcase desta edición celebrarase no auditorio da Zona PRO, instalada na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, ás 13:30. e estará aberto só a profesionais acreditados. Trátase da estrea do novo proxecto de Su Garrido Pombo, Traspielas, esta vez en formato banda xunto a Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais) nos que celebran a memoria colectiva da aldea de Traspielas en Fornelos de Montes, a través dunha obra musical, poética e visual. O espectáculo parte de pezas tradicionais recollidas na aldea de Traspielas, de onde é orixinaria Su Garrido Pombo, entre a súa familia e veciñas; e complétase con proxeccións de imaxes actuais e de videoarquivo, e as achegas de intérpretes de recoñecida traxectoria e de estilos diversos como a electrónica, a experimentación, e a música tradicional que conflúen nesta nova proposta para crear unha obra actual que ten como obxectivo dar nova vida ao repertorio tradicional a través dun formato artístico multidisciplinar e contemporáneo que pon en valor a comunidade e a cultura popular dun territorio. O proxecto foi creado nas Residencias Mariñán 2024 promovidas desde a Deputación da Coruña.
Os outros showcases da xornada de mañá venres estarán abertos ao público xeral e terán lugar en dúas localizacións de Tui: o Paseo da Corredoira onde actuarán Alana (GZ), Ruxe Ruxe (GZ) e Surma (PT), e o Teatro Municipal que acollerá os espectáculos de Quico Comesaña (GZ) e Cardo Roxo.
Intenso programa de faladoiros, encontros profesionais e concertos abertos ao público en Tui e Valença
O programa profesional do MUMI comezará mañá na Zona Pro a partir das 11 coas roldas de negocio en formato speedmeetings ou encontros rápidos entre programadores, artistas, axencias e demais axentes da contratación de espectáculos musicais das industrias galega e portuguesa.
Ás 12 terá lugar o primeiro faladoiro da xornada centrado na produción de ciclos musicais e nas claves para a creación de públicos e programacións estables máis alá dos macro festivais. Será unha mesa de experiencias sobre boas prácticas na produción de eventos musicais de pequeno e mediano formato, a través da posta en común das diferentes dinámicas de traballo para garantir a viabilidade dunha programación musical a longo prazo, contrastando as dificuldades e dúbidas á hora de poñelas en marcha. Participarán Paloma Lugilde de Lubicán (USC Lugo), Ismael Arias de Atardecer no Gaiás (Cidade da Cultura), Carla Morgado do Teatro Municipal Guarda, Napoleão Ribeiro da Associação Cultural Tirsense. O faladoiro estará moderado por Samuel Silva de Capivara Azul, asociación que produce, desenvolve e promov actividades culturais en diferentes ámbitos artísticos desde Guimarães.
Pola tarde celebrarase outro encontro arredor das salas de concertos entre salas, artistas e axentes, que manterán unha conversa sobre o funcionamento das salas na Galiza e Portugal, as ofertas e limitacións de cada espazo, e as dinámicas de programación. Participarán Noemi Vázquez da Arca da Noe en Vilar de Santos, Cao de Mos da sala Rebullón en Mos, Tomi Legido da sala Mardi Gras na Coruña, Gustavo Rey da sala Krazzy Kray en Cambados, João Maia do Auditório CCOP no Porto, Ilídio Marques do Gnration de Braga e João Pimenta do espazo Socorro no Porto. Moderará o faladoiro María Nieto, xerente da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura.