Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un “Paseo literario polo corazón de Tui” abre as visitas guiadas do Instituto de Estudos Tudenses

11/07/2025

Será o luns 14 ás 20.00 h dende o miradoiro da Alameda de San Domingos coa escritora Marga do Val

O próximo luns, 14 de xullo, comeza o programa “Coñece o noso patrimonio”, organizado polo Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui.

Esta primeira visita consistirá nun “Paseo literario polo corazón de Tui” a cargo da escritora e profesora Marga do Val que realizará un percorrido por diversos lugares da memoria literaria tudense. Comezará ás 20.00 h na Alameda de San Domingos lembrando a figura do poeta da lírica galaico-portuguesa da Idade Media, Golparro. Ao longo do paseo se marcarán diversos fitos vinculados a escritores relacionados con Tui: Camilo J. Cela, os irmáns Álvarez Blázquez, Teodosio Vesteiro Torres, Josep Pla, Manuel Lago, etc recuperando a súa pegada e a súa produción literaria relacionada con Tui e a súa contorna.

Marga do Val

Marga do Val (Vigo, 1964) é nome literario de Marga Romero Lorenzo. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega.  Crítica literaria e articulista en diversos medios, autora de varios poemarios ("Entre dunas", "Poemas pola memoria", "Sarabia", “A cidade sen roupa ao sol” pola que obtivo o Premio da Critica en 2011), da novela "O prognóstico da lúa" e de varias adaptacións teatrais para a compañía viguesa "Teatro Arte Libre", así como a tradución de diversas obras literarias: ” Cousas da rapazas”, de Peter Bichsel, en colaboración con Joachim Wormuth (Alfaguara, 1998), “A Casa da paixón”, de Nélida Piñón (Galaxia, 2006) e “Randea do alento”, de Herta Müller (Xerais, 2010) premio á tradución da  Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no ano 2011. Autora de diversos ensaios sobre Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Carolina Otero (La Bella Otero) e Lorenzo Varela. Marga do Val está estreitamente vinculada á nosa cidade.

Dende o Instituto de Estudios Tudenses agradecen a colaboración de Marga do Val nestes roteiros patrimoniais que recuperan unha parte do noso patrimonio inmaterial como son os lugares vinculados ao mundo literario na cidade histórica de Tui.

Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, este ciclo de visitas que organiza o IET por terceiro ano é unha excepcional oportunidade de achegarse ao patrimonio tudense, descubrindo novos aspectos do mesmo, que redundará nunha maior valoración e respecto polo segundo conxunto monumental de Galicia.