Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un grupo de xornalistas especializados en Turismo visitan Tui o lúns e martes convidados polo Concello de Tui

1/03/2010

UN GRUPO DE XORNALISTAS ESPECIALIZADOS EN TURISMO VISITARÁ TUI OS VINDEIROS LUNS E MARTES CONVIDADOS POLO CONCELLO DE TUI

 

Venres, 26 de febreiro de 2010. Arredor de vinte xornalistas pertencentes á Federación Española de Periodistas e Escritores de Turismo (FEPET), coñecerán o Camiño Xacobeo Portugués grazas á iniciativa da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (AGATEX). Esta asociación, que preside Guillermo Campos, entregará os seus premios anuais na Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia que se desenvolve o martes 2 de marzo en Pontevedra.

 

Pero nas xornadas anteriores este grupo de arredor de vinte xornalistas especializados visitarán á cidade tudense, porta de entrada do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. O luns, 1 de marzo, chegarán a Tui e serán recibidos polo Alcalde tudense que os acompañará, de seguido, nunha cea de benvida. Ao día seguinte, martes, realizarán unha visita guiada á Catedral e ao conxunto monumental tudense, para a continuación dirixirse cara Pontevedra e Santiago.

 

Profesionais de Madrid, Barcelona, Bilbao, Las Palmas, Valencia, Zaragoza e outras capitais españolas daranse cita nesta visita, na que estarán acompañados amais de prestixiosos xornalistas galegos.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a visita deste grupo de xornalistas, interesados no coñecemento da nosa cidade como porta de entrada do camiño portugués á Compostela, resulta de suma satisfacción para este Concello de Tui pois evidencia o interese que esta cidade e os seus recursos históricos e turísticos suscita nos medios xornalísticos especializados de España.

 

Por outra banda, esta visita, coincide co traballo que desenvolve o Concello de Tui para a promoción turística da localidade, especialmente neste ano Xacobeo, na que se agarda un importante número de visitantes. A inmediata edición de material informativo dirixido especificamente aos peregrinos, a apertura do Centro de Interpretación do Camiño Portugués, etc. son novas iniciativas que desenvolven os responsables municipais para a promoción do Concello de Tui neste Ano Santo Compostelá.