Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un contacontos para adultos abre mañá a programación de actividades do "Día da Biblioteca"

20/10/2009

UN CONTACONTOS PARA ADULTOS ABRE A PROGRAMACIÓN DO "DÍA DA BIBLIOTECA" EN TUI

 

Martes, 20 de outubro de 2009. Mañá mércores, 21 de outubro, a Biblioteca Pública Municipal de Tui abre a súa programación conmemorativa do "Día da Biblioteca" cun espectáculo de contacontos para adultos titulado "A hora azul" a cargo da compañía "Tropa de trapo". Este actividade terá lugar ás 20,30 horas.

 

A Biblioteca tudense ofrece ao longo desta semana un abano de actividades para todas as idades coa pretensión de achegar o libro e a lectura aos diferentes sectores sociais, reivindicando o papel das bibliotecas como o lugar privilexiado para o acceso á cultura nas súas diversas expresións.

 

A hora azul son catro contos que veñen de Marrocos, de Alxeria, da Galicia... de calquera parte do mundo e de todas á vez. Contos de mulleres que non se renden, da emigración, do deserto, do realismo máxico da Galicia máis surrealista. Historias ao son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco, das karkaba, etc.

 

Os integrantes de "Tropa de trapo", Marta e Brais, son verdadeiros artistas da oralidade que nos faran gozar coas súas historias e nos transportarán ao mundo máxico da ficción e dos relatos ao carón da calor dos libros.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, esta oferta de actividades para o público adulto xorde da preocupación da Biblioteca Pública Municipal de achegarse aos diversos segmentos sociais e de idade da nosa localidade para promover a lectura como unha alternativa para o lecer dos cidadáns.

 

A programación da celebración deste "Día da Biblioteca" prosegue ao longo de toda a semana con diversas actividades que teñen como escenario o centro bibliotecario tudense.