Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un centenar de persoas poderán participar Programa Integrado de Emprego que a Xunta vén de conceder ao Concello de Tui

17/11/2022

As persoas interesadas nesta acción deben inscribirse na Oficina de Emprego podendo ampliar a información no Centro Municipal de Formación e Emprego

O Concello de Tui fai unha forte aposta pola mellora da empregabilidade da cidadanía tudense coa posta en marcha de distintas accións tanto de iniciativa local coma en colaboración con outras institucións.

De forma inmediata comezará no municipio un Programa Integrado de Emprego, PIE, que vén de ser concedido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Suporá un investimento de 297.619,05 euros dos que o Concello de Tui deberá cofinanciar 47.619,05 euros.

Dende o Concello de Tui agradécese á Xunta de Galicia a concesión deste PIE que redundará positivamente na mellora da empregabilidade do centenar de persoas que van participar no mesmo, así coma doutras iniciativas coma o obradoiro e emprego e os cursos AFD que tamén o goberno autonómico ten concedido ao Concello tudense. O Obradoiro de Emprego “Senda peonil do río Furnia” está agora en marcha e no mesmo durante un ano 20 persoas se formarán en dúas especialidade de gran demanda nestes momentos coma son actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e montaxe e instalación de construcións de madeira. Tamén a Xunta ten concedido tres cursos AFD de ‘Montaxe de mobles e elementos de carpintería’ cunha carga de 538 horas lectivas, de ‘Instalación de elementos de carpintería’, cun total de 578 horas de formación, e de ‘Venda de produtos e servizos turísticos’, con carga lectiva de 688 horas, que comezarán no inicio de 2023, e no que participarán 45 persoas, 15 por curso.

Con respecto ao Programa Integrado de Emprego, a súa finalidade é formar e acompañar no proceso de busca de emprego a un centenar de persoas. Durante doce meses formaranse en habilidades sociolaborais, formación para o emprego e poderán realizar prácticas en empresas.  O equipo técnico do programa realizará accións específicas e individualizadas para os e as participantes, ao tempo que levará a cabo a prospección laboral na zona coñecendo de primeira man das empresas as necesidades de persoal que teñen, de tal xeito que se poderán organizar cursos e accións formativas encamiñadas a cubrir esa demanda real de traballadores e traballadoras.

O obxectivo co que parte o Programa Integrado de Emprego é lograr a inserción laboral de 45 das 100 persoas que van participar no mesmo, aínda que coas accións plantexadas buscarase superar ese índice de tal xeito que tras a súa participación no PIE a meirande parte das persoas poidan acceder ao mercado laboral.

As persoas interesadas en participar neste Programa Integrado de Emprego deberán estar en situación de desemprego e inscribirse na Oficina de Emprego co código correspondente. Pódese ampliar esta información no Centro Municipal de Formación e e Emprego do Concello de Tui en Guillarei, ou no 986 60 39 49.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez,  amosa a súa satisfacción por esta importante achega por parte da Xunta de Galicia, de case 1 millóns de euros, a través do Programa Integrado de Emprego, o Obradoiro de Emprego e os cursos AFD, polo que reitera o agradecemento ao goberno autonómico. Ao tempo salienta “o traballo proactivo do departamento de orientación e emprego que presenta proxectos de calidade que conseguen a puntuación necesaria para ser beneficiarios destas accións que van a mellorar a empregabilidade de máis de 150 persoas”, salienta que en concreto Tui foi un dos 4 concellos da provincia que obtivo a puntuación máxima para ser beneficiario do PIE. Un programa que se suma ás actividades formativas impulsadas dende o departamento de Formación e Emprego. Nese senso apunta coma coa posta en marcha destas iniciativas o Centro Municipal de Formación e Emprego estará ao 100% da súa capacidade.

Salienta  Ana Mª Núñez coma "a mellora da empregabilidade e o emprego son unha gran aposta deste equipo de goberno que leva desenvolvido dende o inicio do mandato máis de 2 millóns de euros en políticas activas para o emprego".