Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un centenar de nenos e nenas participan nos obradoiros de Nadal da Biblioteca Municipal de Tui

3/01/2022

Esta tarde e mañá martes continúan os Obradoiros de Nadal na Biblioteca Municipal de Tui que contaron con gran acollida completándose todas as prazas dispoñibles.   Así un centenar de nenos e nenas, 25 por actividade, están a participar nestas festas nos catro obradoiros promovidos pola Biblioteca Pública Municipal tudense no seu programa de actividades de animación e dinamización da lectura.

As primeiras citas foron o pasado mércores 29 e xoves 30 de decembro cos obradoiros “Arte con papel - Papiroflexia/Origami” e “Reciclando a Música - Instrumentos con material reciclado.

Hoxe luns partir das 17 h os cativos e cativas inscritos participarán en Cobrando Vida - Creación de marionetas” e mañá á mesma hora será a quenda de “Escola de maxia - xogos de maxia”.

O obxectivo destes obradoiros, segundo sinala a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, é favorecer entre os rapaces e rapazas a creatividade como unha forma de enriquecemento para o tempo de lecer.