Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un centenar de alumnos e alumnas do Conservatorio e a Escola de Musica de Tui ofrecerán mañá o concerto de Nadal

15/12/2021

Será ás 20 h no Teatro Municipal dentro da programación “Tui, o Camiño do Nadal”

Un centenar de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Escola de Música de Tui ofrecerán mañá xoves, 16 de decembro, ás 20 h o Concerto de Nadal no Teatro Municipal de Tui. Este evento forma parte da programación “Tui, o Camiño do Nadal” que organiza o Concello de Tui.

Este concerto vai ser o primeiro que ofreza o alumnado deste centro de estudos musicais dende o inicio da pandemia, polo que para moitos será a primeira vez que actúen ante o público, e no mesmo poderase ver a súa evolución co aprendido neste novo curso escolar.  O evento contará co protocolo covid  e é preciso reserva previa de entrada, de forma gratuíta, en www.tui.gal ou na web do conservatorio.

Ao longo de algo máis dunha hora pasarán polo escenario do Teatro Municipal solistas, e distintas formacións coma grupos de música de cámara, a Orquestra de Corda, a Banda e a Big Band. Tamén participará o alumnado máis novo do centro, de 5 e 6 anos, de Música e Movemento.

Interpretarán un variado repertorio con temas de música clásica, jazz, ou pertencentes a musicais.

A programación musica deste Nadal no teatro comezou o pasado sábado co concerto “A Historia da Luz” que ofreceu Mistura Vocal. Continuará a próxima semana, o xoves 23 ás 21.30 h co concerto de Nadal da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, a Coral Ponte das Febres e a Coral San Telmo, e rematará o xoves 30 de decembro, ás 21.30 h, co concerto de Fin de Ano a cargo da Banda de Música Popular de Tui.  As entradas poden reservarse, gratuitamente, para estes eventos en www.tui.gal.