Un ano mais o Concello de Tui realiza obras de mantemento e mellora en todos os centros educativos públicos do municipio
A Concellería de Ensino márcase coma obxectivo protexer e mellorar a educación pública para todos os alumnos do concello
Remata o verán e comeza un novo curso escolar. Dende o Concello de Tui e a Concellería de Ensino, aproveitouse o tempo estival para realizar obras, arranxos e labores de mantemento nos nove centros educativos do municipio.
Entre as actuacións destacadas atópase a reforma e ampliación dunha aula no CEIP de Caldelas, finalizada a finais de xullo, para dar resposta ao incremento de alumnado. A intervención incluíu melloras na iluminación, instalación de falsos teitos, renovación da electricidade, conexión wifi, colocación de tarima vinílica e traballos de pintura.
No CEIP Nº 1, acondicionouse o patio traseiro, unha demanda histórica do Consello dos Nenos. Colocáronse 200 metros cadrados de pavimento de caucho continuo, permitindo que os escolares poidan xogar e practicar deporte de maneira segura, sen risco de lesións. Trátase dun material 100% reciclado, contribuíndo a un futuro máis sostible. Ademais, comezaron os trámites para expropiar os terreos adxacentes, co obxectivo de ampliar o patio deste centro.
No CEIP Nº 2, acometeuse a reforma integral dos baños da planta baixa, cunha demolición completa das instalacións antigas. Substituíronse as tubaxes e desaugues, instalouse nova fontanaría, cambiouse a louza e os accesorios, e colocáronse falsos teitos, paneis LED, tarima vinílica, divisións de trespa e novas fiestras de aluminio. Neste centro tamén pintáronse todas as aulas así como as fachadas do ximnasio e da secretaría.
En Pazos de Reis, no CEIP de Guillarei, na sede do CRA e no Conservatorio leváronse a cabo traballos de mellora en diferentes espazos.
Outras intervencións incluíron a soleira de formigón dunha zona do patio no CEIP de Randufe e a automatización do portal de acceso ao centro.
Ademais, realizouse o mantemento da carpintería en todos os parques dos centros educativos, arranxos nas entradas e peches perimetrais, substitución da area nos areeiros, instalación de novos elementos en diversos centros, colocación de aparcabicis onde se solicitou e desbroce nos 14 patios escolares do municipio.
Dende a Concellería de Ensino, dáse a benvida a este novo curso escolar, reafirmando o compromiso coa educación pública que queda patente con estas intervención e afirman que continuarán traballando ao longo de todo o ano lectivo para garantir espazos dignos e coidados para os rapaces e rapazas do noso Concello, co obxectivo de protexer e mellorar unha educación pública, mais precisa que nunca, como única vía de asegurar a igualdade de oportunidades