Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Últimos días para visitar a exposición "olladas dunha época. Fotografias do fondo Blanco Cicerón"

9/03/2010

ÚLTIMA SEMANA PARA VISITAR A EXPOSICIÓN "OLLADAS DUNHA ÉPOCA. FOTOGRAFIAS DO FONDO BLANCO CICERON"

 

Luns, 8 de marzo de 2010. A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición "Olladas dunha época: fotografías do fondo Blanco-Cicerón" dende o pasado 23 de febreiro. Son numerosas as persoas que decidiron visitar esta exposición que exhibe diversas imaxes fotográficas da cidade datadas arredor de 1900.


Esta exposición recolle unha escolma da colección de fotografías do Fondo Blanco-Cicerón, que os seus herdeiros depositaron no Museo do Pobo Galego, e que conta con preto de 500 fotografías das que se seleccionaron 81 para esta exposición. A selección de imaxes inclúe instantáneas de paisaxes e monumentos de distintas cidades e vilas galegas, entre as que destacan Compostela e Tui, cidade natal do mecenas galego. Aínda que máis escasos, na exposición tamén están presentes os retratos, como o do inventor Isaac Peral no Castelo de Sobroso; e as fotografías de acontecementos relevantes, como a inauguración da Ponte Internacional de Tui en 1886.


Figura tamén na mostra unha selección de imaxes da Exposición Regional Galega, da que o pasado ano cumpriuse o seu centenario e na que Ricardo Blanco-Cicerón foi un dos seus organizadores. Aquela primeira Exposición Rexional Galega, celebrada en 1909 en Santiago supuxo un acontecemento sen precedentes na historia de Galicia, acollendo máis de 600 instalacións en 11 pavillóns nos que se expuxeron 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia. Agora, cen anos despois, o CGAI e mailo Museo do Pobo Galego recuperan nesta mostra fotográfica parte daquela exposición.


Esta exposición, organizada polo Centro Galego de Artes da Imaxe e o Museo do Pobo Galego, ven a Tui logo da súa presenza en Santiago de Compostela onde estivo aberta ao público nos meses de decembro e xaneiro.
A mostra estará aberta ao público unha semana máis na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, edificio Área Panorámica - rúa Colón 2, ata o vindeiro 13 de marzo de 2010.

 

O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, salienta a importancia desta exposición que, por unha banda, recupera para a nosa cidade a figura singular do coleccionista Ricardo Blanco-Cicerón nado en Tui no ano 1844, e, ao mesmo, tempo mostra na nosa cidade unha excepcional escolma de fotografías históricas de Galicia.