Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Última semana para participar no concurso de carteis das festas de San Telmo 2010

18/02/2010

ÚLTIMA SEMANA PARA PARTICIPAR NO CONCURSO DE CARTEIS DAS FESTAS DE SAN TELMO 2010

 

 

Xoves, 18 de febreiro de 2010. A Concellería de Cultura do Concello de Tui, coa colaboración da Comisión de Festas, quere lembrar aos interesados en participar no Concurso para a elección do cartel anunciador das festas patronais de San Telmo 2010, que o prazo de presentación dos traballos remata nunha semana, o vindeiro día 26 de febreiro. En 2009 a experiencia foi moi positiva, resultando gañador o cartel presentado pola tudense Silvia Villaverde Míguez.

 

Os participantes deben enviar ou entregar os traballos nun soporte ríxido, coa finalidade de organizar unha exposición pública dos mesmos. Nas bases establécese un único premio de 500 euros. O contido das obras presentadas deberá referirse ás Festas de San Telmo da cidade de Tui. O/s autor/es tentarán plasmar referencias desta Festa e desta cidade na súa proposta, destinada a ser utilizada como imaxe oficial deste evento. No cartel deberá figurar o seguinte texto: "Tui, festas de San Telmo 2010, 3 - 12 de abril. Festas de Interese Turístico Galego".

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, con este certame preténdese dotar dunha imaxe artística e atractiva ao cartel anunciador das festas patronais tudenses, ao tempo que promove e valoriza a creatividade de artistas e deseñadores tanto tudenses como foráneos.

 

As bases poden consultarse na páxina web do Concello de Tui: www.concellotui.org.