Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ultima semana da exposición “Iacobus Gallecia” en Tui

21/10/2010

ULTIMA SEMANA  DA EXPOSICIÓN “IACOBUS GALLECIA” EN TUI
Importante exposición con obras de Darío Basso, Paco Pestana, Xosé Freixanes, Antón García Patiño, Alfonso Sucasas, Armando Martínez, Ignacio Basallo ou Antón Lamazares, organizada polo Xacobeo

Xoves, 21 de outubro de 2010. A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle ata o vindeiro mércores, 27 de outubro, a mostra “Iacobus Gallecia”, unha importante exposición artística organizada pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo que reúne en Tui unha escolma do máis significativo da panorámica da arte contemporánea en Galicia.

O público que visite a exposición Iacobus Gallaecia en Tui poderá contemplar un conxunto de obras que son un exemplo da vitalidade artística da Galicia de Santiago que, nos finais do século XX e inicios do XXI –formando parte da decoración orixinal do Pavillón de Galicia da Expo'92 de Sevilla, ou respondendo a encargos posteriores–, continúa a desenvolver a súa rica historia cultural, baseada na tradición e mais na innovación, nun fecundo caudal formado pola síntese creativa do propio e o alleo.

Na exposición, este principio queda expresado a través da variedade estilística, formal e conceptual de artistas tan distintos como Darío Basso, Paco Pestana, Xosé Freixanes, Antón García Patiño, Alfonso Sucasas, Armando Martínez, Ignacio Basallo ou Antón Lamazares. Pezas conceptuais, abstractas e figurativas, estilizadas –Armando– ou amosando toda a súa fisicidade –Sucasas– ou o seu agudo primitivismo –García Patiño– que nalgúns casos afondan na iconografía tradicional, relixiosa e xacobea, e noutros son pura evocación poética –Basso, Lamazares, Pestana–, ben representativa dunha arte a cabalo entre dous séculos.

Esta mostra forma parte do 'Camiño Contemporáneo da programación do Xacobeo 2010', unha proposta que engloba unha serie de exposicións itinerantes coa vocación de dar a coñecer a obra de autores galegos actuais e de renome. O seu obxectivo é estender a programación cultural que se desenvolve en torno ao Ano Santo por diferentes puntos de Galicia.

A presenza da exposición “Iacobus Gallecia” ten suscitado, ata o momento, o interese do público tudense pois máis de cincocentas persoas xa teñen visitado esta mostra así como diversos grupos escolares que, acompañados dos seus profesores, atopan nesta exposición un recurso didáctico de grande interese, segundo manifesta o concelleiro tudense de cultura, Moisés Rodríguez Pérez.