Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui volverá a ser sede dos Campionatos de España de Embarcacións T850 e de Radiocontrol Térmico

28/02/2023

O Concello de Tui e a Real Federación Galega de Motonáutica estudan a  posibilidade de realizar novos eventos doutras modalidades

Esta mañá tivo lugar unha reunión de traballo entre o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez e o presidente e vogal da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández e Carlos Estévez, respectivamente, co obxectivo de renovar o convenio de colaboración entre as dúas entidades e planificar as probas deportivas deste ano 2023.

Deste xeito, Tui volverá a ser sede de dous campionatos nacionais. Será do Campionato de España e Copa Ibérica de embarcacións T850 e GT60, que se celebrará o sábado 8 de xullo, nas que se medirán os mellores pilotos de España e Portugal, así coma do Campionato de España de Radiocontrol Térmico, que se disputará os días 2 e 3 de setembro.

Coma en anos anteriores, tamén se realizará o Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, nesta ocasión a 4ª proba en Tui, o 1 de xullo, será puntuable para o Campionato de España.

Na reunión desta mañá propuxéronse novos eventos doutras modalidades náuticas, dadas as magníficas condicións do río Miño e das instalacións deportivas ao seu carón para a súa celebración, polo que ambas entidades, Concello e Federación, estudarán a súa viabilidade.