Tui vive unha intensa última fin de semana de verán con actividades de motor, gastronomía e música en directo
Tres citas de ocio encherán esta fin de semana a cidade de Tui con diferentes actividades de motor, gastronomía e música nas que colabora o Concello de Tui.
A primeira delas comeza xa na tarde de hoxe venres coa celebración da I Festa da Cervexa na Corredoira. Dende as 18:00 horas de hoxe e até a noite do domingo, os tudenses e visitantes poderán gozar dunha variada oferta de cervexa artesanal da man de 3 mestres cervexeiros que traerán diversas variedades de lúpulo. Xunto coa cervexa, haberá tamén food trucks, porco ao espeto e unha polbeira, que permitirán acompañar con boa gastronomía á cervexa artesanal. Así mesmo, na tarde do sábado terá lugar unha actuación de zumba namentres que durante as tres xornadas está previstas diferentes actuacións musicais da man do DJ Álvaro Melo, La Chata, Salitre &Cool Funeral e Breakin’Bones. O custe da entrada é de 2€ e inclúe o vaso oficial da festa.
Na xornada de mañá sábado, súmase á oferta de ocio a III Xuntanza Moteira Internacional de Tui na que se espera unha participación de máis de 1.000 motoristas. Ás 9:00 da mañá terá lugar a apertura de inscricións e o almorzo motorista. Xa as 11:30 arrancará a ruta en moto ao longo da comarca do Baixo Miño e a Eurocidade, con visita a Valença. Tras volver a Tui e realizar a comida, as actividades comezarán a partir das 16:00 horas con exhibicións de Stunt –acrobacias de especialistas sobre a moto-, Drift –exhibición de coches de gran potencia realizando diferentes trazados-, etc. Na noite será a quenda da cena e diversos espectáculos de exhibición. O prezo da inscrición para motoristas é de 20€ completa e 12€ media inscrición.
Por mor desta cita produciranse restricións na circulación e estacionamento para garantir a seguridade dos máis de 3.000 asistentes que se esperan. Deste xeito estarán pechadas á circulación e ao estacionamento as rúas Compostela e Ourense. A III Xuntanza Moteira está organizada polo Motoclub os de Sempre Tui en colaboración co Concello de Tui.
Por último, o sábado a Asociación Cultural Betún, en colaboración co Concello de Tui, organiza un concerto totalmente de balde do tudense Víctor Coyote na Praza de Frómista. Xunto ao músico, que tamén tocará a guitarra, a viola ou o uquelele, estará tamén na batería e percusión Ricardo Moreno, batería de bandas míticas como Los Ronaldos, Mastretta, Josele Santiago ou Fangoria. A cita será ás 22:00 horas.
Antes e despois, na Praza de Frómista, haberá postos gastronómicos e tamén ambientación musical con Funkente.
Para un mellor desenvolvemento do evento non estará permitido o estacionamento de vehículos na Praza de Frómista dende as 15:00 horas do sábado.
Tui pecha así o verán cunha fin de semana na que se agarda a asistencia de miles de persoas as diferentes actividades nas que o Concello colabora activamente.