Tui, Valença, Ciudad Rodrigo, Almeida e Marvão presentan o proxecto conxunto para as fortalezas abaluartadas
Suporá un investimento de 1,2 millóns de euros de fondos europeos. En Tui destinaranse 400 mil euros para a recuperación do Baluarte do Diaño
Esta mañá presentouse en Ciudad Rodrigo o proxecto FAR PAX “A paz europea a través da fortalezas abaluartadas da raia” no que participan os municipios españois de Tui e Ciudad Rodrigo e os portugueses de Valença, Almeida e Marvão. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou neste acto xunto aos mandatarios dos outros catro municipios.
A finalidade deste proxecto é a recuperación do patrimonio histórico vinculado aos baluartes e murallas destas cinco cidades cun investimento de case 1,2 millóns de euros. Ao abeiro deste proxecto o Concello de Tui vai proceder á recuperación do Baluarte do Diaño, cun investimento de preto de 400 mil euros, sendo o municipio que máis financiamento recibirá. A licitación das obras realizarase en 2025 e deberán estar rematadas en 2027. Tamén se contemplan outras actuacións complementarias para a dixitalización dos recursos patrimoniais, a creación de roteiros turísticos, e colocación de sinaléctica que contribuirán a recuperación e posta en valor do patrimonio tudense.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca que “esta é a primeira vez que o Concello de Tui participa nun proxecto plurirrexional financiado con fondos Interreg” co que sinala que “damos un paso cualitativo importante, tamén cuantitavo en canto ao financiamento” porque "abre o camiño a seguir para proxectar outras actuación de recuperación doutros elementos patrimoniais da cidade a través do financiamento fondos europeos para proxectos transfronteirizos.
Ao abeiro deste proxecto FAR PAX Tui, Valença, Ciudad Rodrigo, Almeida e Marvão desenvolverán unha estratexia conxunta de desenvolvemento baseada no Patrimonio Cultural. Na mesma terán en conta por unha parte a innovación con sistemas de monitorización do patrimonio, deseño dunha estratexia conxunta de conservación, rehabilitación e valorización das súas fortalezas, Por outra parte levarán a cabo obras de preservación e tamén acción de sensibilización a capacitación, co que reforzarán a súa oferta turística temática. O proxecto busca consolidar as dinámicas desenvolvidas até o de agora entorno ao patrimonio amurallado cunha escala transfronteiriza, tendo en conta o crecemento sustentable e cun papel determinante no turismo cultural e natural.