Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui traballa na elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades

6/11/2020

Hoxe ponse en marcha unha enquisa anónima para coñecer de primeira man a percepción da cidadanía tudense

O Concello de Tui está a elaborar o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Tui 2020-2023. A redacción deste documento está financiada pola Deputación de Pontevedra e o propio Concello de Tui.

Este Plan, promovido dende a concellería de Igualdade,  ten coma obxectivo introducir a perspectiva de xénero na administración local,  implicando a todas as áreas municipais no desenvolvemento de políticas, programas, estratexias e accións en materia de igualdade así como recoñecer social e institucionalmente a realidade das mulleres de Tui.

A participación da cidadanía é fundamental na redacción deste documento para poder contar así coa percepción da propia poboación sobre a situación de igualdade no municipio. Unha enquisa en liña, comisións de traballo e seguimento, reunións sectoriais, serán algunhas das canles para a participación que terán os e as tudenses e que permitirán coñecer de primeira man as necesidades, demandas e pareceres. Deste xeito en base ás conclusións obtidas poderanse deseñar medidas, actividades e accións para lograr os obxectivos plantexados e as necesidades detectadas. .

Así dende hoxe está activa a través de tui.gal unha enquisa anónima dirixida tanto a homes coma a mulleres de Tui  na que se busca poder contar coa maior participación posible da cidadanía. O cuestionario tamén se pode descargar en pdf e entregar impreso no departamento de Servizos Sociais, previa cita.

Na redacción deste Plan de Igualdade o Concello de Tui contará coa colaboración de Laura Seara, quen foi directora do Instituto da Muller e Secretaria de Estado de Igualdade, ademais de deputada no Parlamento Galego de 2001 a 2009, que conta cunha ampla experiencia neste eido, o que redundará positivamente no documento final ao contar coa súa aportación e coñecemento.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez,  avanza que “na medida en que sexa posible iremos organizando reunións e se crearán diferentes grupos de traballo e comisións con asociacións, representantes políticos, axentes económicos e sociais e tecido educativo para inicialmente elaborar a diagnose e un mapa da situación de desigualdade, que serán as bases sobre as que alimentar as propostas de actuación do Plan”.

Nese senso incide a concelleira en que  “detectar as fendas económicas, sociais, culturais ou tecnolóxicas das mulleres de Tui a través de mecanismos de participación activa e directa da cidadanía, será unha ferramenta que nos axudará a desenvolver as medidas máis axeitadas  para remover os obstáculos que manteñen as discriminacións por razón de sexo”. Precisou amais que o obxectivo é elaborar un Plan interxeneracional no que “se vexan reflectidas as sensibilidades, problemáticas e medidas para mulleres de todas as idades e situacións”. A transversalidade será outro dos principios deste documento.

Este III Plan de Igualdade incluirá un compromiso específico e transversal cos Dereitos Humanos e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), dos que a igualdade de xénero forma parte de xeito relevante. Recollerá tamén actuacións para dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, incidindo na coeducación, a loita contra as agresións sexuais e os mecanismos de sensibilización e prevención.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, fai un chamamento a toda a cidadanía, en particular ás  asociacións e colectivos, a sindicatos e tecido empresarial e económico, ás ANPAS e persoal docente, sanitario, á Policía Local e Protección Civil, a avogados e avogadas, a promotores/as culturais, deportivos e a todas as persoas que desexen un municipio en igualdade, a participar activamente nas actividades que dende este momento e ata finais de decembro se desenvolverán en Tui.  Conclúe indican que “o éxito do Plan será un éxito colectivo cara a unha sociedade igualitaria e libre de violencia de xénero”.

Cubrir enquisa en liña - descargar en pdf en galego - en castelán