Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui será un dos concellos que elabore un proxecto piloto de Plan de Acción Local da Axenda Urbana Española.

12/11/2021

Segundo a resolución provisional que vén de publicar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recibirá 100 mil euros para esta acción

Tui está entre o centenar de municipios españois, e os catro da provincia de Pontevedra, que van recibir unha axuda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a elaboración de proxectos pilotos de Plans de Accións Local da Axenda Urbana Española. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualificaba esta resolución provisional da convocatoria de axudas coma “unha excelente noticia” que dicía  “reflicte que este goberno está traballando con moitísimo rigor, e amais na dirección acertada”.

O concello de Tui presentou á convocatoria un proxecto dirixido tecnicamente polo arquitecto Luciano Alfaya no que se establece a folla de ruta que vai marcar a estratexia e accións que se van levar a cabo no municipio até o ano 2030.

Unha vez a resolución sexa definitiva o Concello de Tui procederá á licitación dos estudos pertinentes para desenvolver este plan piloto, e a continuación comezará o proceso de execución. Un proceso que en palabras de Enrique Cabaleiro será de “moito traballo, moito esforzo e moita complexidade” pero “estar na liña de saída nos garante poder cumprir os obxectivos con moitísimo éxito”.

Coa posta en marcha deste plan piloto Tui “desenvolverá accións nos distintos ámbitos de competencia municipal que se deben levar a cabo de aquí a 2030 para cumprir coas esixencias en material de cambio climático, mobilidade, urbanismo, deseño de cidade… un proxecto global orientado á sustentabilidade”. Segundo Enrique Cabaleiro, “estar nesa liña de concellos que imos liderar a saída cara á constitución destas metas é moi importante”. Recoñecía que “teremos tamén que facer un esforzo administrativo e de xestión porque o desenvolvemento da axenda urbana, que é un proxecto participativo, vai esixir un esforzo importante, é un reto que nos plantexamos, entendemos que é o camiño que debemos seguir e cara aí imos encamiñar os nosos esforzos”.