Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui recoñece este sábado a cinco mulleres tudenses destacadas e homenaxea á muller na música

25/03/2022

Será na Gala da Muller 2022 "Mulleres de onte, hoxe e mañá" no Teatro Municipal

O Concello de Tui vai render mañá sábado, 26 de marzo, homenaxe a cinco mulleres tudenses. Será na Gala da Muller 2022 que se vai celebrar ás 20 h no Teatro Municipal de Tui presentada por Mónica Sueiro. 

Nesta gala recoñecerase a mulleres de distintas idades e profesións dando visibilidade deste xeito ao seu labor e contribución á sociedade. Serán Pilar Blanco, cociñeira do Restaurante El Molino de Tui; Chelo Domínguez , directora xeral de GKN; Carmen Rodríguez Cerdeira, médica dermatóloga, Emilia Rosende poeta e unha quinta protagonista que será unha lembranza a dez mulleres destacadas na historia tudense, nun audiovisual co retrato delas realizado pola artista Gemma Marqués xunto a un breve resumo da súa vida. 

No transcurso da gala as homenaxeadas serán agasalladas cun obsequio en  lembranza deste recoñecemento. 

Con esta gala o Concello tudense quere recoñecer os méritos destas mulleres que, desde distintos ámbitos tanto laborais como sociais e culturais, son un claro exemplo da calidade, importancia e relevancia do traballo feminino.
Nesta Gala da Muller amais recoñecerase tamén a presenza da muller na música a través do concerto que ofrecerán alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Escola de Música interpretando pezas musicais de compositoras femininas. Así ao longo da gala  actuarán en solidario ou formando dúos Sara Quesado, María Fernández, Valeria López, Iria Roca, Cintia Baz, Vania Fernández, Lía Santamaría, Débora Baz, Clara Canosa, Tseday Fernández e Érika e Carla Solleiro. Tamén se contará coa participación do coro infantil de 40 voces femininas pertencentes ao conservatorio tudense.
A entrada a esta Gala da Muller é libre até completar o aforo do Teatro Municipal.

Esta Gala da Muller forma parte do programa que se está a desenvolver dende comezos deste mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.