Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui promociónase na 47ª Feria Internacional Abanca Semana Verde de Galicia

5/06/2025

O Concello conta cun stand propio no que da a coñecer o seu patrimonio material e inmaterial. Amais xunto con Valença divulga os atractivos da Eurocidade

O Concello de Tui promociónase até este domingo na 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia que foi inaugurada esta tarde. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, desprazáronse ata Silleda nesta primeira xornada dun certame feiral que é referencia tanto a nivel galego coma nacional. O Concello continúa así a súa aposta polo promoción turística do municipio, nunha campaña que comezou este ano en FITUR en Madrid e continuou coa presenza na BTL de Lisboa.

Tui está presente por unha banda en Festur, a XI Feria de Fiestas de Interese Turístico, Festur 2025, cun posto no que amosa o patrimonio tanto material coma inmaterial tudense. As Festas de San Telmo, que conta  co recoñecemento de Festa de Interese Turístico, a vestimenta tradicional de Tui, a gastronomía local co meixón coma expoñente destacado, e o 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui, danse a coñecer no certame. Unha gran fotografía nocturna da Catedral preside un dos laterais do posto aludindo a esta destacada celebración. Unha panorámica da cidade dende o río ocupa parte central xunto a fotografías de menor tamaño de distintos elementos do patrimonio histórico coma a capela de San Telmo, a igrexa de San Domingos, o Parque Natural Monte Aloia, a vella Ponte Internacional ou o Camiño Portugués a Santiago, do que Tui é a porta de entrada a Galicia.

Por outra parte a Eurocidade Tui-Valença marca presenza nesta 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia cun posto no que precisamente a imaxe aérea dos dous conxunto históricos unidos polo río Miño e as ponte internacionais captan a atención do visitante. Tui e Valença unen sinerxías dun territorio que ofrece grandes atractivos turísticos dende o seu patrimonio histórico e artístico, a natureza, a gastronomía, o calendario conxunto compartido polo dous municipios de dous países.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que “a participación de Tui nesta feira é unha oportunidade para seguir a proxectar a nosa cidade como un destino turístico de calidade, aproveitando o potencial que nos dá a nosa historia, a nosa situación xeográfica e a colaboración coa nosa cidade irmá, Valença. Estamos a consolidar unha estratexia conxunta que nos fai máis visibles e competitivos.”

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Ana Núñez, sinalou que “con esta presenza na Semana Verde reforzamos o noso compromiso coa promoción dun turismo sostible e respectuoso co noso patrimonio. Apostamos por poñer en valor non só os grandes eventos como San Telmo ou o aniversario da Catedral, senón tamén as tradicións e a identidade que fan de Tui un destino único durante todo o ano.”

No posto de Tui contouse coa colaboración da Asociación do Traxe Tradicional de Tui na decoración, e precisamente este colectivo actuará este domingo ás 12 h. Mañá venres ás 12 h, dentro da promoción dos produtos gastronómicos locais haberá unha degustación do viño tudense Quiñóns da Insua e do valenciano Bodegas Rolán.