Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui presentou esta mañá o proxecto de reforma da praza de Frómista no marco da ARI

3/04/2019

Busca crear un espazo de socialización dando prioridade aos peóns

Na mañá de hoxe presentouse no Concello de Tui o proxecto de reforma da Praza de Frómista, dentro do Plan Estatal 2013-2016 da ARI, Área de Rehabilitación Integral. A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Patrimonio e Cultura, Eduardo Freiría, e os arquitectos da empresa encargada do proxecto, Dobledé Arquitectos, Antonio de Ozámiz e Jose Manuel de Marcos.  

O obxectivo desta reforma é “crear un espazo de socialización que recupere a tradición de reunirse cos veciños nunha praza”, segundo os arquitectos, dado que as condicións de habitabilidade do casco vello deben adaptarse as novas formas de vida, polo que dan prioridade aos peóns. Destacaba o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, que esta praza se reformara nos anos 70 para adaptarse daquela ao aparcamento de  vehículos, unha medida que coa peonalización do conxunto monumental xa non ten sentido polo que “é interesante adaptala ao uso peonil e dinamizar a zona”

A reforma parte da limitación do tránsito de vehículos creando un paso peonil que coincidirá en ancho coas desembocaduras da rúa Cuenca e San Telmo. Crearase ademáis un espazo inferior de transición que cruza e leva ao centro da praza e un novo espazo superior de socialización.

A obra pretende ademáis crear un ambiente de natureza deixando ao descuberto a rocha tapada anteriormente polo muro e unha zona axardinada con árbores e prantas como elemento de integración dos espazos.  O mobiliario será sinxelo, con bancos e unha pérgola creada por vides que permitirán ter unha zona de sombra.   O alumeado tratará de remarcar a zona da rocha descuberta  e os pasos peonís.

O investimento total previsto para esta actuación é de 67.000 €, dos que o Concello de Tui aportará o 81.6% e o Plan Estatal o 18.4%. O alcalde avanzou que levará ao pleno ordinario deste mes a dotación de crédito precisa para esta obra.