Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui presentou ante UNICEF a súa candidatura para ser Cidade Amiga da Infancia

1/05/2025

En xullo coñecerase se está entre as seleccionadas. O pleno da corporación aprobou por unanimidade a solicitude

 O Concello de Tui continúa dando pasos firmes no camiño para converterse en Cidade Amiga da Infancia, un recoñecemento promovido por UNICEF España co obxectivo de garantir que os dereitos de nenos, nenas e adolescentes sexan unha prioridade real nas políticas municipais.

En concreto remitiuse xa á UNICEF España a candidatura, tras ser aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal. Precisamente este acordo plenario é un requisito imprescindible para optar ao recoñecemento. Trátase dun compromiso institucional claro para impulsar políticas que favorezan o benestar, a participación e o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes.

Será no mes de xullo cando se coñeza se Tui é admitida entre os municipios seleccionados. De ser así, o Concello continuará coa elaboración dun diagnóstico sobre a situación da infancia e adolescencia na cidade, así como co deseño do Plan Local de Infancia e Adolescencia. Estes traballos xa están en marcha, como parte do proceso esixido para optar ao recoñecemento definitivo, previsto para finais de ano.

Tui conta xa, dende 2023, cunha estrutura estable de participación infantil e adolescente, o grupo, ParTUIcipando. Este grupo reúne periodicamente a nenos, nenas e mozos e mozas do municipio, está aberto a novas incorporacións e funciona como canle directa para escoitar as súas propostas e inquedanzas. Representantes deste grupo participan tamén no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia de Galicia, o que reforza o seu papel activo e representativo. Ademais, o Concello celebra regularmente plenos infantís e xuvenís, nos que a infancia pode trasladar directamente ao goberno local os seus puntos de vista, as súas inquedanzas e suxestións.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, subliña que “Tui leva tempo traballando nunha liña clara: garantir espazos reais de participación infantil e integrar a mirada dos máis novos nas decisións municipais. Queremos ser unha cidade que escoita, que respecta e que actúa coa infancia no centro”.