Tui presente no “Xardín da Amizade” inaugurado esta mañá en Versmold, Alemaña
O alcalde Enrique Cabaleiro participou na apertura deste espazo integrado no Parque da Paz
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou esta mañá na inauguración do Parque da Paz na cidade alemá de Versmold coa que Tui está irmandada.
O rexedor tudense foi convidado polo burgomestre de Versmold Michael Meyer-Hermann a participar neste acto que marca un fito no desenvolvemento urbano da cidade xermana. Trátase dun espazo central da cidade que se converte nun punto de encontro, de intercambio e de convivencia para a veciñanza e cuxa remodelación forma parte do Plan Integral de Desenvolvemento Urbano de Versmold.
No parque creouse o “Xardín da Amizade” que representa simbolicamente a irmandade con Tui, e co municipio de Dobczyce, en Polonia, e a cooperación co balneario de Vrdnik, en Serbia. Así neste xardín incorpóranse plantas de cada unha destas rexións amosando a conexión internacional de Versmold.
No acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por poder participar nun acto tan significativo e que pon de relevo a cooperación entre os distintos pobos.
Estiveron tamén presentes representantes da asociación Tui-Versmold, así coma os xogadores do Tyde Alevín, adestradores, directiva e familias, que esta fin de semana xogan nesta cidade alemá o Torneo Internacional de Versmold xunto a outros 19 equipos de distintas rexións de Alemaña, Países Baixos e Polonia.
Tui e Versmold manteñen unha estreita relación dende a sinatura do acordo de irmandade entre ambos municipios.





