Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui presente no VI Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local en Sevilla

5/04/2025

A cidade formou parte da delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, xunto a Nigrán, Burela e Boiro

Tui participou esta semana no VI Foro Mundial do Desenvolvemento Económico Local, desenvolvido en Sevilla, como representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, formou parte da delegación galega, xunto ao presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, os concelleiros de Burela e Boiro, Mario Pillado e Raúl Romero, e concelleiro da localidade caboverdiana de Tarrafal, Osvaldo Chantre.
Ademais de asistir aos debates, a comitiva galega puido coñecer ao novo presidente da Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, Fábio Vieira. 

O VI Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local ten por obxectivo explorar estratexias innovadoras para enfrontar os desafíos da tripla transición (dixital, social e económica), a xustiza social e a economía solidaria, dende unha perspectiva territorial. Este evento reuniu a 3.000 participantes de máis dun cento de países. 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Tui forma parte xunto a outros 114 concellos, concentra os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Un fondo que vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de 30 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.