Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui presenta novo material turístico guiado por Francisco Sánchez e Dona Urraca

17/03/2021

Edítanse en castelán e galego e están xa dispoñibles na Oficina de Turismo

O Concello de Tui presentou esta mañá novo material turístico conformado por un mapa xeral da cidade e dúas rutas “O tesouro de Salomón” e “O túnel de dona Urraca”.

O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, a historiadora Sara Quintana, e o ilustrador, Xosé Tomás, foron os responsables desta presentación, á que asistiron tamén representantes dos grupos presentes na corporación municipal. 

O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, explicou que Tui aposta por un turismo activo e ao aire libre en tempos de pandemia, precisou que as novas guías “están para pensadas para ser autoguiadas descubrindo os recunchos do conxunto histórico”.  Detallou as tres novas rutas propostas: un mapa xeral, “O tesouro de Salomón” e “O túnel de dona Urraca”.  Destacou que “O tesouro de Salomón”, vinculado á ruta xudía, está guiado por Francisco Sánchez, “quizais o persoeiro máis importante da historia de Tui”. E coma novidade apuntou que “na guía vanse facendo preguntas que o visitante ten que ir descubrindo”.  Agradeceu o traballo realizado por Sara Quintana e Xosé Tomás, e destacou que estas novas guías “permitirán descubrir un Tui distinto”

A historiadora Sara Quintana explicou que a idea coa que se desenvolveu este proxecto foi “crear un produto turístico, educativo e cultural que plasmase de xeito xeral e con certa profundidade a historia de Tui”. Indicou a ruta de “O túnel de dona Urraca”, cunha duración de 75 minutos “está plantexada cun percorrido polo conxunto histórico entorno á Catedral, e a outra “O tesouro de Salomón”, cunha duración de 120 minutos, abranguería unha zona máis ampla. A elección dos dous personaxes que guían as rutas, Francisco Sánchez e Dona Urraca, segundo explicou obedece a que “Francisco Sánchez é un personaxe moi destacado da historia de Tui e da historia mundial, e Dona Urraca tamén, e válennos para falar doutras partes da historia máis transversal coma a independencia de Portugal e o papel que tivo Tui”.

O ilustrador Xosé Tomás, destacou a sintonía que se realizou esta traballo que persegue pór a historia de Tui á dispor dos nenos e do público en xeral. Indicaba que “Foi un traballo moi agradecido pola enorme sintonía que tivemos á hora de plasmalo” que contou “cun diálogo moi bonito a nivel creativo”.  Explicaba que presentan “un plano base e logo a adaptación do plano ás distintas rutas”. Engadía que lles parecía importantísimo que “houbera dúas lecturas”, unha primeira da lectura da visita, e unha segunda máis a fondo co material xa na casa.  Nese senso explicaba que ao realizar o traballo cambiaron o guión establecido inicialmente para incorporar nunha das caras do plano o detalle dos distintos edificios.

Os novos folletos están publicados en galego e castelán o guión foi realizado pola historiadora Sara Quintana e o deseño corresponde ao ilustrador Xosé Tomás. Edítanse 5 mil exemplares de cada unha destas propostas. Están xa dispoñibles na Oficina Municipal de Turismo e tamén se poden descargar na web municipal.

A continuación pode descargarse o novo material turístico en pdf:

Plano Xeral Tui 2021 Castelán

Plano Xeral Tui 2021 Galego

Ruta El tesoro de Salomón

Ruta O Tesouro de Salomón - Galego

Ruta El Túnel de Doña Urraca - Castellano

Ruta O Túnel de Dona Urraca - Galego