Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui pon en valor o seu patrimonio histórico e cultural na Semana Santa

18/03/2026

Tui prepárase para vivir a Semana Santa pondo en valor o seu patrimonio histórico e cultural. Esta mañá na casa do Concello presentouse a programación que se vai desenvolver dende este domingo 22 de marzo até o domingo 5 de abril. 

Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla; o prior da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, párroco de Tui e cóengo da Catedral, D. Santiago Freire Comesaña; o presidente da Asociación de exvoluntarios de Protección Civil de Tui - Cristo da Agonía, Juan José Sio Castro; e o representante da Asociación Amigos da Catedral, Xosé María Lores Pérez.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, destacou que os actos da Semana Santa en Tui “transcenden a dimisión espiritual” sinalando que “supoñen unha posta en valor do noso patrimonio e da nosa cultura”. Destacou amais que este ano contan con máis transcendencia co gallo do oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui. 

No mesmo senso se pronunciou a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacando o apoio que dende o Concello de Tui se realiza da promoción da programación prevista coa edición dun folleto informativo, cunha tirada de mil exemplares, no que “se da a coñecer o patrimonio, a cultura e a tradición, co obxectivo de manter unha tradición secular”.  

O prior da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, párroco de Tui e cóengo da Catedral, D. Santiago Freire Comesaña, destacou que “a Semana  Santa de Tui cobra cada ano maior esplendor”. 

Na presentación participou tamén Xosé María Lores, en representación da Asociación Amigos da Catedral, que en 2012 estableceu a iniciativa de contar cun pregón da Semana Santa. Daquela a encargada da lectura fora a profesora Marta Cendón, e este ano volve ser unha muller, a xornalista Eva González, a que dará lectura ao mesmo este domingo 22 de marzo ás 18 h na capela das Reliquias na Catedral. 

Interveu tamén o  presidente da Asociación de exvoluntarios de Protección Civil de Tui - Cristo da Agonía, Juan José Sio Castro, que sinalou que este colectiva leva 34 anos portando a imaxe do Cristo da Agonía nos actos da Semana Santa tudense. 

A programación da Semana Santa abrirase este domingo coa lectura do pregón a cargo da xornalista Eva González ás 18 h na capela das Reliquias da Catedral. No acto contarase coa participación música do Conservatorio Profesional de Música de Tui.  
Entre os actos previstos pola súa singulariedade destaca a visita aos Monumentos no Xoves Santo, que conta cunha gran tradición, cun percorrido polos distintos templos  do centro urbano, nos que destaca a representación do Horto das Oliveiras que se realiza  na Capela da Misericordia.  Xa no Venres Santo  o Encontro e Procesión dos Pasos pola mañá, e o Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro pola tarde, son tamén  actos destacados.  Entre as imaxes que   participan nos actos procesionais destaca a  Dolorosa de Agustín Querol. 
 

Programación da Semana Santa de Tui 2026

  • Domingo 22 de marzo 18:00 h.
    • Pregón da Semana Santa na Capela das Reliquias da S. I. Catedral A cargo da xornalista Eva González del Socorro.
    • Pequeno concerto a cargo do Conservatorio Municipal de Música de Tui.
    • Organiza: Asociación de Amigos da Catedral de Tui.
    • Colabora: Cabido Catedral de Tui e Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia.
  • Domingo 29 de marzo. Domingo de Ramos
    • 11:00 h. Bendición de ramos na Praza de San Fernando A continuación procesión e Santa Misa na S. I. Catedral.
  • Mércores 1 de abril
    • 12:00 h. Misa Crismal na S. I. Catedral Presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano. Bendición dos óleos que se empregan na administración dos sacramentos nas parroquias durante o ano e renovación polos presbíteros das súas promesas sacerdotais.
  • Xoves 2 de abril. Xoves Santo
    • 19:30 h. Misa Vespertina da cea do Señor na S. I. Catedral
    • 19:00 a 23:00 h. Visita aos Monumentos Tradicional percorrido polos seguintes lugares: S. I. Catedral, Igrexas das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo, Capela da Residencia San Telmo, Igrexa de San Domingos e igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.
    • 21:30 h. Procesión da Oración do Señor no Horto das Oliveiras Saída dende a Capela da Misericordia, percorrendo as rúas do conxunto histórico. Acompañada da Banda de Música Popular de Tui. Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia.
    • 22:30 h. Hora Santa na S. I. Catedral
  • Venres 3 de abril. Venres Santo
    • 11:00 h. Sermón do Encontro e procesión dos Pasos Saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro. Orador: D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui. A continuación procesión polas rúas do conxunto histórico de Tui. Acompañada da Banda de Música Popular de Tui. Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia. Colabora: Asociación “Cristo da Agonía” - Antigos Voluntarios de Protección Civil de Tui.
    • 18.00 h. Celebración da Paixón do Señor na S. I. Catedral
    • 20:00 h. Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro Na igrexa de San Domingos Sermón do Desencravo. Orador: D. Juan de Olazabal Zarauza, vigairo parroquial de Tui e párroco de Areas e Pexegueiro. A continuación Procesión do Santo Enterro, que organiza tradicionalmente o Concello de Tui coa colaboración da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia, polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial de San Francisco. Acompañada da Banda de Música Popular de Tui.
  • Sábado 4 de abril. Sábado Santo
    • 08:00 h. Procesión de Nosa Señora da Soidade Saída dende a Igrexa de San Francisco ata a S. I. Catedral. A continuación sermón a cargo de D. Santiago Freire Comesaña, cóengo e párroco de Tui.
    • 20:00 h. Solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco
  • Domingo 5 de abril. Domingo de Pascua de Resurrección
    • 12:00 h. Misa Pascual na S. I. Catedral Presidida polo Bispo da diocese.