Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui pon en marcha unha campaña de promoción do plan de Compostaxe

20/11/2020

Conta cun novo logotipo e o  lema será “Compóstate ben, composta en Tui”

Potenciar a compostaxe é o obxectivo da campaña de promoción e información que hoxe pon en marcha o concello de Tui. A web municipal, as redes sociais municipais, xunto á emisora municipal, xunto os centros de compostaxe comunitarios serán a plataforma na que se desenvolva esta iniciativa.

A campaña comeza precisamente coa presentación do logo identitario do Plan de compostaxe e o lema da mesma que é “Compóstate ben, composta en Tui”. O logotipo en cores rosa, marrón e verde, reflicte unha lombriz debuxando un sorriso e unha planta que nace do compost, destacando neste caso esa nova vida que xeran os residuos orgánicos compostados.

O deseño da campaña realizouse grazas á subvención concedida ao Concello de Tui pola Xunta de Galicia publicada no D.O.G núm.92 do 13 de maio de 2020, axudas en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polos fondos FEDER GALICIA 2014-2020.

Grazas a esta subvención ao Plan de Compostaxe o Concello de Tui poderá ampliar e mellorar os Centros de Compostaxe Comunitaria do centro urbano, adquirir 300 composteiros individuais para repartir á cidadanía, e adquirir maquinaria para ampliar o servizo de recollida de poda e restos verdes para o seu posterior triturado conseguindo material necesario para os centros de compostaxe.

Este labores, a realizar ao longo do ano 2021, suporán unha mellora substancial na xestión dos residuos orgánicos por parte do concello, conseguindo reducir así os custes derivados da recollida de lixo do contedor verde, así como un aumentar a recollida selectiva.

Amais, a nivel medioambiental, o Plan de Compostaxe terá un impacto moi positivo xa que co mesmo lograrase reducir  a pegada de carbono que o municipio deixa ao reducir os niveis de xeración de residuos e os niveis de queima de restos verdes.