Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui participa no I Encontro Nacional de Arquiveiros da Red de Juderías de España

25/05/2024

Celebrarase o próximo martes 28 e mércores 29 de maio en Plasencia

O Concello de Tui participará no I Encontro de Arquiveiros da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad que terá lugar a próxima semana, o martes 28 e mércores 29 de maio na cidade de Plasencia. Este evento reunirá a destacados expertos no campo para abordar diversas temáticas relacionadas coa documentación histórica xudía.

En concreto o técnico de arquivo do Concello tudense, Rafael Sánchez Bargiela, realizará un dos relatorios deste Encontro sobre “O descubrimento dos sambenitos de Tui” no que exporá o proceso de descubrimento, investigación e posta en valor este importante conxunto patrimonial que atesoura a cidade tudense vinculado coa presenza de comunidades xudías e sefardís no noso territorio.

Os outros relatorios correrán a cargo de Fernando Jiménez Berrocal, responsable do Arquivo Histórico Municipal de Cáceres, quen disertará sobre os «Documentos xudeus do Arquivo de Cáceres», e de Bonifacio Bartolomeu, arquiveiro da Catedral de Segovia, que ofrecerá un relatorio titulado «Ecos de Sefarad na documentación medieval do Arquivo da Catedral de Segovia». Por último,  Angels Busquets Relats e Cinta Mañé Mais, licenciadas en Historia Medieval e técnicas do Arquivo Histórico de Barcelona poñerán fin ás intervencións  abordando as «Fontes do Arquivo Histórico da cidade de Barcelona para o estudo do seu Call jueu».

Este evento reunirá a destacados expertos que abordarán diversas temáticas relacionadas coa documentación histórica xudía, e converterase nunha oportunidade única para poñer en valor o traballo fundamental que realizan os arquiveiros no descubrimento, investigación e coñecemento do relato histórico. “A través destas xornadas queremos destacar o labor fundamental na xestión dos arquivos históricos, que constitúen a pedra angular para a investigación e comprensión rigorosa da historia. Na xestión mesma destes arquivos reflíctese o profundo compromiso e paixón de quen desde os seus roles contribúen ao coñecemento histórico das súas respectivas comunidades», declarou Dª Marta Puig Quixal, Xerente da Red de Juderías de España.

A concelleira de turismo tudense, Ana María Núñez Álvarez, congratúlase do convite dos organizadores deste encontro ao Concello de Tui e da oportunidade de promover o coñecemento deste importante conxunto patrimonial que conforma a colección de Sambenitos da Catedral de Tui, pezas únicas, xunto aos Sambenitos de Coruña del Conde, que testemuñan a presenza de importantes comunidades de criptoxudíos no territorio do río Miño nos séculos XVI e XVII e a persecución que sufriron pola Inquisición. A cidade de Tui, subliña a concelleira Núñez Álvarez, mostra nunha nova oportunidade o seu legado patrimonial vinculado coas comunidades xudías e sefardís e o seu labor para a súa promoción como un dos grandes recursos culturais e turístico da nosa cidade.