Tui organiza a I Feira – Magosto popular e solidario este mércores 12 de outubro
O Concello de Tui organiza para este mércores, 12 de outubro, unha intensa xornada de actividades que xirarán en torno ao outono e, polo tanto, a festa por excelencia de Galicia nestes días, o magosto. A I Feira – Magosto popular e solidario que se desenvolverá durante toda a xornada no Paseo da Corredoira xorde como unha “aposta do Concello por levar a cabo actividades que nunca se fixeron antes na cidade”, segundo apunta o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso.
Na feira, que se inaugurará oficialmente ás 10:30 horas, participarán anticuarios e artesáns de Portugal e toda Galicia. Haberá ademais postos gastronómicos de embutidos, queixos e de produtos ecolóxicos.
A feira, que ten carácter solidario, contará coa presenza de postos da Asociación SOS Tomiño Baixo Miño, de Lena Protectora de Animais e da Fundación do Síndrome de Dravet, unha enfermidade xenética relacionada coa epilepsia englobada dentro das enfermidades raras.
O magosto popular comezará a partir das 17:00 horas cando se porán á venda os cucuruchos de castañas cun custe de 1€, que será doado integramente a SOS Tomiño Baixo Miño.
Amais, ás 11:00 horas dará comezo a exposición de aves na Praza da Inmaculada, na que se realizarán ademais dúas exhibicións de cetrería, unha ás 12:30 horas e outra ás 17:30. A música tamén amenizará a xornada coa actuación dos grupos de gaitas de Santa Columba de Ribadelouro e O Mosteiro de Pexegueiro. Para os cativos haberá inchables e xogos populares. As actividades desenvolveranse no Paseo da Corredoira entre as 10:30 e as 20:30.
Actividades paralelas no Novo Pavillón de Tui
De xeito paralelo, e avanzando na mellora e na ornamentación da cidade, o Concello de Tui organiza para a xornada do mércores o I Concurso de Graffiti no Novo Pavillón de Tui. O obxectivo é eliminar as pintadas vandálicas que arestora ocupan parte da parede do edificio e substituílas por outras baixo a temática de “deportes e casco vello de Tui”.
Os interesados en participar soamente teñen que presentarse a partires das 16:30 horas no novo pavillón cun bosquexo do debuxo que desexen pintar. O premio será dun “lote de produtos Montana” valorado en 100€.
A I Feira – Magosto popular e solidario está organizada polo Concello de Tui en colaboración con PPartmin creativas.
Programa:
v
10:30 Inauguración da Feira-Magosto.
v
11:00 Apertura da exposición cetrería.
v
12:00 Actuación dos grupos de gaitas de Santa Columba de Ribadelouro e O Mosteiro de Pexegueiro.
v
12:30 Exhibición de aves.
v
16:30 I Concurso de Graffiti (Novo Pavillón de Tui).
v
17:00 Música en directo.
v
17:00 Magosto Popular (1€ - doazón solidaria).
v
17:30 Exhibición de aves.
v
18:00 Música en directo.
v
20:00 Entrega premio I Concurso de Graffiti.
v
20.30 Peche da feira.