Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui oferta un campamento urbano e outro rural este Nadal con 154 prazas en total

5/12/2022

Celebraranse do 23 ao 30 de decembro. A inscrición estará aberta dende o mércores 7 ao mércores 14.

Este Nadal, coincidindo coas vacacións escolares, o Concello de Tui oferta dous campamentos de Nadal, un rural que se desenvolverá na Granxa Escola Corazón de Carballo e outro urbano, que se realizará no pavillón Gustavo Rodríguez e noutros ámbitos do municipio. Ambos terán carácter gratuíto. 
O obxectivo destas actividades é dobre. Por unha banda búscase facilitar a conciliación da vida laboral e familiar habilitando un servizo de coidado profesional de calidade, incorporando unha perspectiva de xénero para fomentar a igualdade de oportunidade.  Por outra bríndase unha alternativa lúdica, deportiva, e educativa a cativos e cativas. 

O Campamento Rural terá lugar en horario de 8.30 a 16.30 h na Granxa Escola Corazón de Carballo, en Tomiño. Haberá servizo de autobús para o desprazamento e de comedor. Ofértanse 54 prazas para nenos e nenas de 6 a 14 anos.
Mentres o Campamento Urbano terá lugar en horario de 9 a 14 h, o horario de entrega será dende dende as 7.45 h e o de recollida até ás 15.15 h.   Terá lugar no pavillón Gustavo Rodríguez e noutros espazos naturais tudenses. Neste caso o número de prazas ofertadas é de 100 para cativos e cativas de 3 a 12 anos. 

Os pais, nais ou titores poderán solicitar a participación do neno ou nena presentando o impreso de solicitude e a documentación requirida nas bases, dende este mércores 7 até o mércores 14 na sede electrónica do concello ou no rexistro xeral na casa do concello. 

Os Campamentos de Nadal están organizados pola concellería de Igualdade, ao abeiro do Plan Municipal de Conciliación, contando co financiamento do Plan Corresponsables desenvolvido pola Xunta de Galicia, dentro da nova política pública residenciada na Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes.

Campamentos de Nadal 2022 - Bases

Campamentos de Nadal 2022 - Solicitude