Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui, Melgaço e Vila Nova de Cerveira serán as sedes das Xornadas Ambientais Experiencias ECOTUR

5/10/2015

As actividades desenvolveranse os días 10, 17 e 18 de outubro en 15 concellos do Baixo Miño e do Val do Miño

Luns, 5 de outubro de 2015.

A partir do día 10 de outubro, comezará “Entre a montaña e o río”, Experiencias Ecotur, xornadas artelladas como unha viaxe de aventura e descubrimento no ámbito do río Miño transfronteirizo. Baixo o concepto " un destino, dous países", 15 concellos do Baixo Miño e do Val do Miño (Norte de Portugal) articulan tres días de actividades culturais, deportivas e gastronómicas. As Xornadas, orientadas pola Uniminho, transcorrerán os días 10, 17 e 18 de outubro, e son cofinanciadas polo POCTEP.

A macro - rexión Norte de Portugal/Galicia preséntase como un 'Destino de Excelencia' con potencialidades únicas. Das tres temáticas - a terra, o río e o estuario -, cada participante terá a libertade de deseñar o guión que considere máis atractivo. O obxectivo é espertar a vontade de experimentar novas sensacións e coñecer este territorio noutras circunstancias, compartindo vivencias con outros visitantes.

A oferta de experiencias para os tres días é diversa e está orientada a diferentes segmentos de público, a través de tres categorías de actividades. A primeira delas é a 'Activa' e inclúe unha iniciativa deportiva máis esixente, unha temática gastronómica e unha vertente máis cultural; a 'Bravo' posibilita unha visita a museos ou centros de interpretación e unha proba de enoloxía ou similar; e o 'Convivio', trátase dunha actividade de contido cultural.

Cada día das Xornadas Ambientais agrupa unha área de concellos contiguos de ámbolos dous lados da marxe do río Miño, existindo un concello designado como 'base de operacións', onde inician e rematan as actividades programadas. Dedicado ó 'Estuario', o día 10 de outubro ten Vila Nova de Cerveira como centro das actividades, os participantes van poder percorrer alternativamente os concellos de Caminha, A Guarda, O Rosal e Tomiño. O segundo día, 17 de outubro, ten base en Tui e con probas en Valença, Paredes de Coura, Monção, Salceda de Caselas e Salvaterra. Xa o terceiro e último día, 18 de outubro, versa o tema da "Terra" e transcorre entre Melgaço (base), Crecente, A Cañiza, Arbo e As Neves.

A "Experiencia Ecotur" non esquece ós máis pequenos, presentando propostas moi específicas para que poidan gozar deste evento, coñecendo espazos de proximidade para visitar. Deste xeito, en cada municipio base (Cerveira , Tui e Melgaço) estarán aseguradas un conxunto de actividades lúdicas (xogos diversos, sendeirismo, visitas guiadas, entre outros) para nenos e mozos con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, mentres que os seus responsables poden dedicarse exclusivamente aos guións.

Cada paquete de actividades inclúe accións de balde e outras de pago. Para obter máis información, pode consultar a páxina en Facebook de Experiencia Ecotur e realizar as inscricións na localización web: http://goo.gl/forms/pzjbXAXYd9