Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui lidera o crecemento turístico no sur da provincia

23/01/2024

Avanza na internacionalización e na desestacionalización

O turismo en Tui crece de forma permanente e continuada, avanza na súa internacionalización e na súa desestacionalización segundo todos os indicadores, o que posiciona ao municipio coma destino turístico destacado no sur da provincia. Así se desprende dos datos recollidos do INE, da Oficina do Peregrinos da Catedral de Santiago e da propia Oficina Municipal de Turismo que constatan o espectacular crecemento no número de visitantes en 2023.

A 30 de novembro de 2023, segundo o INE, pasaron por Tui 116.961 turistas, o que supón un crecemento do 43,6% con respecto ao mesmo período de 2022, un ano no que en total visitaron Tui 91.987 persoas. O incremento máis significativo rexistrouse nos meses de agosto (20.118), setembro (14.108) e outubro (12.906) que practicamente duplicaron os datos de 2022. Este espectacular incremento sitúa a Tui como un dos destinos turísticos destacados en Galicia.

Destas 116.961 persoas, que visitaron Tui entre xaneiro e novembro, 78.300 eran turistas internacionais e 38.661 eran nacionais.  Salienta  o importante crecemento do turismo internacional sobre o nacional, rexistrando o maior aumento de visitantes nos procedentes de Portugal, Francia, Alemaña, Italia, EEUU, Polonia ou Austria, segundo se desprende da análise dos datos. Deste xeito Tui avanza na internacionalización do turismo pero tamén na súa desestacionalización coma reflicten os datos dos meses outubro, con 12.906 turistas, e novembro, con 8.247, segundo o INE.

Con estas cifras Tui lidera o número de visitantes entre os municipios do Baixo Miño, situándose  en datos semellantes a outros concellos turísticos senlleiros de Galicia coma O Grove, Cambados, ou Cangas. 

Tui posiciónase así, con estas cifras, coma un destino de referencia no sur de Galicia grazas a súa riqueza natural, cultural, patrimonial, gastronómica, de lecer e aventura vinculado ao río Miño.  Tamén inflúe positivamente a ampla oferta de aloxamentos turísticos, un total de 87 de distinta tipoloxía que suman 1.248 prazas, sendo os hoteis os que ofertan o maior número de prazas.

Dende o Concello de Tui valóranse moi positivamente estes datos estatísticos do INE, que teñen carácter estimativo, considerando que estas cifras na realidade son aínda maiores, grazas a todos os atractivos que ofrece o municipio dende a súa cultura, historia, natureza, oferta comercial, gastronomía,  deporte, lecer…

Todos eses valores serán promocionados esta semana na Feira Internacional de Turismo, FITUR, en Madrid. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, desprazaranse mañá mércores e o xoves a Madrid para participar  nas presentacións previstas das campañas “100% Rías Baixas” e “Trazas de Pontevedra, ruta arqueolóxica pola provincia” da Deputación de Pontevedra, e “Vivir experiencias, compartir territorio” do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño das que Tui forma parte. Tamén estarán presentes no posto da Red de Juderías de España, á que Tui pertence, e no que se promocionará o legado e a cultura sefardí. Ao tempo o rexedor e a concelleira manterán en FITUR distintos encontros con maioristas, touroperadores, e axentes turísticos para reforzar esta posición do municipio tudense.