Tui inicia a conta atrás para as Festas de San Telmo 2026
O pregón de Marián Mouriño, a entrega dos premios Cidade de Tui, música, gastronomía e tradición forman parte da programación prevista
Todo preparado en Tui para a celebración das festas de San Telmo que comezarán oficialmente este sábado coa lectura do pregón a cargo da presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño. A cita será ás 12.45 h dende o balcón do edificio da praza da Inmaculada, recentemente remodelada, que será o primeiro escenario destes festexos patronais de Tui, declaradas de Interese Turístico Galego.
A música, a gastronomía e a tradición serán protagonistas nesta fin de semana que reunirá xa a miles de persoas na cidade.
Este sábado e domingo, na mesma praza da Inmaculada, celebrarase o V Encontro de Viños da Raia, que reunirá a 17 adegas dende o Rosal até Arbo na beira galega, e de Valença a Melgaço na portuguesa. Presentarán viños brancos, tintos e espumosos que maridará á perfección con queixos, empanada, xamón, conservas e coma novidade este ano ostras, e coma sobremesa a tarta de San Telmo. Así participarán por parte galega as adegas tudenses Corisca e Quiñóns da Insua xunto a Adega do Ricón, Miguel Alonso Viticultor, Chan de Vide e Bodega Eido Novo de Arbo; Adega Pateira, Jorge Marcote Viticultor, Adega Xesteiro, e Adega Sergio Álvarez do Rosal, María Bargiela de Salvaterra, Adega do Vimbio de Tomiño, xunto ás portuguesas Adega Edmun do Val e Bodega Rolan de Valença; Marcio Lópes de Melgaço; Vinevinu de Vila Nova de Famalicão, e coma adega convidada participará Villa Seara de Bastos, da zona de Guimaraes. O V Encontro de Viños da Raia ofrecerá dúas actividades paralelas, na que o único requisito para participar será dispor dunha copa, que se poderá adquirir tamén na propia praza. O sábado ás 19 h “Música & Viño”, dirixida polo sumiller Juanjo Figueroa; e o domingo ás 12 h celebrarase unha demostración gastronómica con maridaxe a cargo do cociñeiro Ángel García.
Outro dos momentos destacados desta primeira fin de semana de festas será a Gala de entrega dos Premios Cidade de Tui o sábado ás 18.30 h no Teatro Municipal. Este ano serán recoñecidos con este galardón a profesora e escritora Marga do Val, na categoría individual, e o Tyde F.C. na colectiva. A continuación terá lugar a inauguración dunha exposición sobre o centenario do club de fútbol tudense na Sala Municipal baixo o título “Tyde F.C. un século de historia”.
O Espazo Feiral acollerá esta fin de semana tres concertos con entrada libre que marcarán o ritmo destas dúas primeiras xornada festival. Os primeiros en subir ao escenario, o sábado ás 21.30 h, será os cinco membros banda de rock Puño Dragón que chega dende Asturias, que prometen un concerto cheo de enerxía cos temas do seu segundo disco “Juegos Violentos”. Ás 00 h tomarán o relevo os integrantes de La Fuga que celebran sobre o escenario un percorrido musical de trinta anos. Xa o domingo ás 19.30 h será a quenda da banda Ñu, liderada por José Carlos Molina, que leva 50 anos no mundo da música. Tamén o domingo terá lugar o primeiro concerto no Espazo da rúa Camilo José Cela co grupo tudense The Pileidis.
Muiñeiras, xotas, maneos ou pasodobres encherán o Teatro Municipal o domingo a parir das 17 h co tradicional Festival Folclórico das Festas de San Telmo que dende hai máis de tres décadas se converte nun magnífico escaparate do traballo que realizan as distintas asociacións. Participarán Xuntanza (Randufe), Darraia (Tui), Santa Columba (Ribadelouro), San Telmo (Tui), Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), e O Mosteiro (Pexegueiro).
Os concertos das bandas de música con un clásico durante as festas tudenses. O domingo serán dúas as agrupacións que van actuar na Corredoira. Ás 12 h a Banda de Música Popular de Tui e ás 18 h Agrupación Musical Atlántida de Matamá, Vigo.
Esta fin de semana estarán nas rúas de Tui os tradicionais xigantes e cabezudos, o sábado xunto ao grupo de gaitas San Fins de Rebordáns. E animando coa súa música estarán as charangas tudenses Cantos Somos que actuará o sábado ás 20 h, e A Tu Ritmo que o fará o domingo ás 12 h e ás 20 h. Tamén o domingo, a partir das 19 h, fará un pasarrúas na Corredoira Barafunda con “Verme Lambón”.
Tui vivirá así a primeira fin de semana das Festas de San Telmo que se van prolongar un amplo programa de actividades para todos os públicos até o luns 13 de abril.





