Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui epicentro cultural coa nova programación de outono no Teatro

19/09/2025

A programación inclúe nove citas que combinan música, teatro, maxia e cinema, con presenza de compañías galegas de prestixio e o cinema de Oliver Laxe como broche internacional

O pano do Teatro Municipal de Tui volverá a abrirse neste outono cunha programación conformada por nove espectáculos de música, teatro, cinema, maxia e monólogos.  Do 27 de setembro ao 22 de novembro o espazo escénico tudense brindará ao público de todas as idades, dende os bebés aos adultos, unha coidada oferta protagonizada pola calidade, variedade e compromiso coa creación galega.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca a diversa oferta que se presenta que se abre con Mercedes Peón repasando un cuarto de século sobre os escenarios, e que se pechará coa despedida da compañía A Panadaría e da súa obra “As que limpan” que tras un exitoso percorrido polos escenarios galegos e nacionais regresa a Tui para pechar a xira que comezou precisamente na cidade en febreiro de 2022.  Sonsoles Vicente sinala que non faltan os espectáculos para o público máis fiel e esixente do teatro coma son os nenos e nenas con propostas coma o concerto para bebés que achegarán Davide González e Iria Pinheiro,  a obras teatrais con Redrum Teatro e Os Náufragos, ou a maxia coa estrea de “Singularia”.  Para público adulto, a concelleira apunta o regreso ao escenario tudense de Ibuprofeno Teatro, e a cita coa comedia que haberá da man de Empatía Teatro.  Sonsoles Vicente amosa a súa satisfacción por poder contar nesta programación coa proxección de “Sirat” de Oliver Laxe, que tras un existo percorrido por festivais coma Cannes, será agora a película que represente a España para competir polas nominacións  aos Óscar.   A concelleira de Cultura convida tanto á veciñanza de Tui coma de toda a contorna a gozar desta programación que “volverá a situar a Tui, e ao Teatro Municipal, coma referente cultural na provincia”.

No mesmo senso o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirma que a actividade cultural que se desenvolve no municipio ao longo de todo o ano é un dos elementos que nos singulariza. Engade que o teatro tudense é dende hai máis de dúas décadas un lugar de encontro coas diferentes manifestacións artísticas, nunha programación estable e de calidade que congrega tanto a público galego coma do norte de Portugal para gozar dos espectáculos previstos. O rexedor amosa o seu convencemento, en que esta nova programación volverá ser un éxito.

A programación de outono comezará o próximo sábado, 27 de setembro, ás 20 h co concerto “Ingrávida” de Mercedes Peón, que chega a Tui dentro do programa +Música da Deputación de Pontevedra.  Será unha festa musical na que percorrerá os temas dos seus cinco discos editados en solitario, ao tempo que rende homenaxe  á persistencia da creación colectiva. A entrada será de balde pero é preciso facer reserva en tui.gal.

Precisamente na web municipal, tui.gal, están xa á venda as entradas para os outros oito espectáculos do outono a prezos que oscilan entre os 12€ e os 3€ en función do espectáculo e se se ten dereito a algúns dos descontos establecidos. Os espectáculos para público familiar serán ás 19 h e para público adulto ás 21 h.

O público familiar  poderá gozar con “Os contos do Lobican” de Redrum Teatro o venres 3 de outubro. É un espectáculo de monicreques musical que lle da a volta aos contos clásicos baseándose no texto de Eva Mejuto que foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022 e  do Premio ao Mellor Espectáculo de monicreques nos XXIX Premios de Teatro María Casares.  Unha proposta para público familiar é a que presenta tamén Os Náufragos con “Bulebule” o venres, 17 de outubro.  Mentres Davide González e Iria Pinheiro ofrecerán o venres, 31 de outubro, o concerto para bebés “Pitiminí” con dobre función ás 17.30 h e ás 19.00h, e aforo limitado a 80 espectadores por función

No Teatro Municipal de Tui estrearase o venres, 14 de novembro, “Singularia” de Magia en la Manga, un espectáculo para público familiar no que a maga Sara Rodríguez desafiará as leis do espazo, do tempo e da realidade.

Ibuprofeno Teatro representará “Reconversión” o venres, 10 de outubro, ás 21 h achegando ao público á reconversión naval dos anos 80 en Vigo baixo a autoría, dirección e interpretación de Santiago Cortegoso, xunto a un elenco doutros sete actores-músicos. 

Por outra parte Elisardo de la Cruz subirá o escenario tudense o venres, 7 de novembro, para contar “Esas cousas marabillosas”, escrita por Duncan Macmillan e traducida ao galego por Avelino González.  Este monólogo comedia de Empatía Teatro buscará dende o primeiro minuto a complicidade do público.

O venres 24 de outubro será a quenda do cinema coa proxección de Sirat de Oliver Laxe.  O filme vén de ser seleccionado para representar a España para competir pola nominación ao Oscar á mellor película internacional, e conta xa co Premio do Xurado en Cannes.

Para pechar esta programación regresan a Tui Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. No Teatro Tudense comezaron a xira de “As que limpan” da compañía A Panadaría, e aquí volven non só para pechar a xira senón tamén para despedirse coma compañía. Será o sábado 22 de novembro ás 20 h.

Toda a programación pode consultarse en tui.gal, onde están xa á venda as entradas para os distintos espectáculos que buscarán o aplauso do público no teatro tudense este outono.