Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e Valença recuperan a súa Cabalgata Internacional dos Reis Magos

3/01/2023

Con saída dende a cidade portuguesa, os Reis Magos de Oriente percorrerán o xoves 5 as rúas da Eurocidade para chegar e recibir aos máis pequenos e pequenas en Tui preto das 19h da tarde

Tui e Valença volverán a celebrar este xoves 5 de xaneiro a súa Cabalgata Internacional da Eurocidade. Trátase do único caso de cabalgata internacional entre España e Portugal e este ano celebrará a súa 12ª edición con 3 quilómetros e medio de percorrido.

Deste xeito, os Reis Magos de Oriente visitarán as rúas de ambos municipios, con saída dende a cidade portuguesa e chegada ao Paseo da Corredoira de Tui preto das 19h para recibir aos máis pequenos que queiran pedir os últimos desexos.

Tui e Valença preparan así a noite máis máxica do ano, esa na que os nenos e nenas son absolutos protagonistas cun desfile de carrozas nas que desfilarán Melchor, Gaspar e Baltasar xuntos aos seus paxes reais. Os tres Reis Magos chegarán ás 16h da tarde en tren á Estación de Valença e, preto das 17.30h terá lugar a saída da comitiva real polas rúas valencianas. Alí percorrerán a Avenida do Colégio Português, a Avenida Miguel Dantas, a rotonda da Trapicheira e Avenida de Espanha antes de cruzar a Ponte Internacional sobre o río Miño.

Unha vez chegados a Tui, os Reis Magos continuarán o percorrido pola Avenida de Portugal, a Rúa Martínez Padín, a Rúa Augusto González Besada e chegarán a destino final, o Paseo da Corredoira e a carpa alí instalada onde recibirán a nenos e nenas dende ás 19h até as 21h da noite para recibir os derradeiros encargos de agasallos.

Nesa comitiva organizada polo departamento de Cultura do Concello de Tui e os seus homólogos da Cámara Municipal de Valença, haberá tres carrozas municipais que encabezarán cada un dos Reis Magos xunto a outras catro que encherán as asociacións tudenses Arume de Malvas, Lembranzas de Guillarei, Aloia de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe. En total haberá 200 participantes entre figurantes, músicos e persoal de organización e seguridad. Nese despliegue estarán presentes a GNR, os Bombeiros de Valença, Protección Civil das dúas cidades e a Policía Local de Tui.

Nese desfile estarán presentes ambos alcaldes e os representantes do goberno das dúas localidades. Amais, repartiranse máis de 1.300 quilos de caramelos sen gluten para todos os participantes que encherán as rúas no que é a actividade conxunta da Eurocidade máis importante por repercusión e número de participantes.

Os Reis Magos completarán a súa axenda na nosa Eurocidade coa visita ás residencias de maiores Paz e Ben, Amoralia e San Telmo na mañá do 4 de xaneiro en Tui, e Casa Santa Misericordia, Cruz Vermelha e Centro de Día esa mesma tarde en Valença.