Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui despide á Selección do Uruguai de remo, concentrada para a preparación de distintas competicións

12/08/2022

Os 16 deportistas e o seu seleccionador repetiron, por terceiro ano, a súa preparación na cidade, destacando a hospitalidade e os recursos para adestrar

A cidade de Tui despediu hoxe á expedición da Selección de remo do Uruguai que levaba concentrada dende o pasado xuño para preparar competicións tan importantes como o recente Campionato do Mundo sub-23 onde acadaron importantes resultados.

Os 16 deportistas, o seleccionador Osvaldo Borchi e o médico da selección concentráronse no Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo de Tui. Os mozos e mozas remeiros repartiron a súa estadía entre este centro, os adestramentos no río Miño e facendo turismo por toda a comarca do Baixo Miño.

No acto de despedida, que tivo lugar ás 12 h na Casa do Concello, estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes Rafael Estévez, o presidente do Club de Remo do Miño, Miguel Ángel González e a expedición uruguaia ao completo co seu seleccionador á cabeza.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción porque “este combinado de nivel internacional elixira por terceiro ano á cidade para a súa preparación”. Isto foi posible, dixo, grazas ás instalacións coas que conta Tui, unha cidade referencia no remo e no piragüismo, pero nas que o alcalde se comprometeu a investir para mellorar e facer extensibles estas estadías a outros combinados.

Tamén estivo presente o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, quen tomou a palabra para agradecer unha visita que conseguiu que os tudenses “sentan como propio tamén a esta selección, o mesmo que se fose un conxunto da cidade”.

Por parte da selección uruguaia, o adestrador Osvaldo Borchi destacou a importancia da preparación levada a cabo en Tui como pulo para acadar importantes éxitos, amais de agradecer o papel clave das institucións locais e deportivas que os acolleron.

Por parte do Club de Remo do Miño, o seu presidente, Manuel Ángel González, mostrouse encantado de que repetiran por terceira ocasión “pola vida que lle dan ao club ao ter un equipo nacional deste nivel adestrando con nós”.

Entre os deportistas o sentir xeral tamén era de agradecemento pola acollida, a experiencia e a pegada que deixa esta concentración. Algúns deles incluso repetían experiencia doutros anos na cidade e quixeron destacar o gran escenario de adestramentos que supón o Miño amais da importancia vital dunha viaxe que lles permite xuntarse, adestrar e alcanzar as súas metas deportivas.