Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui despide o Entroido este domingo co Enterro do Bacallau

7/03/2025

Sairá ás 19.30 h dende a praza de San Fernando para rematar no aparcamento municipal

Tui prepárase para despedir o Entroido este domingo, 9 de marzo, co Enterro do Bacallau. Centos de persoas reuniranse para participar nunha festa que conta cunha gran tradición, máis aló dos e das integrantes das doce comparsas que o martes participaron no Desfile Concurso. 

Unha festa que esixe rigoroso loito, algo que a comitiva cumpre cada ano para acompañar ao bacallau. Son xa moitos os que dende primeira hora da mañá comezan a festa nas rúas de Tui, e participan en xantares protagonizados por pratos de bacallau. 

O Enterro comezará ás 19.30 h na praza de San Fernando. A comparsa “Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe, gañadora na categoría absoluta no desfile do pasado martes, será a encargada de portar o bacallau, que elabora a comparsa da Picoña gañadora en Carrozas, e amais Mañufe, ao gañar na categoría musical, fará a escolta musical do evento. Dende  a praza de San Fernando iniciarase o percorrido que proseguirá polas rúas Seixas, Porta da Pía,  Ordóñez, Augusto González Besada, Ourense e, finalmente, o aparcamento municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración para dar remate á festa.  

Debido á celebración do Enterro do Bacallau o domingo de 10 a 22 h non se poderá estacionar no aparcamento municipal na traseira do edificio Francisco Sánchez.