Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui creará un gran espazo público con zonas verdes e un campo da feira na Guía, en Randufe

19/08/2022

O goberno de Tui adianta que actuará en preto de 1.300m2 para xerar un itinerario peonil que conecte o norte co centro da parroquia

Un itinerario peonil seguro, un gran espazo público e un campo da feira serán o resultado da reforma da rúa A Guía, en Randufe. O goberno de Tui vén de solicitar á Rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra o seu apoio para executar este proxecto que actuará en 1.282 m2  para conectar dun xeito seguro o norte da parroquia coa contorna da igrexa de Santa María da Guía.

O alcalde, Enrique Cabaleiro ,explica que a rúa A Guía é unha vía secundaria que da servizo e acceso ás vivendas do núcleo sendo posible xerar un itinerario peonil de calidade que comunique a zona norte do núcleo co centro (a contorna da Igrexa de Santa María da Guía) dando lugar a un gran espazo público con zonas verdes e un campo da feira e recuperando para as persoas 1.177 m2.

As actuacións proxectadas están enfocadas á recuperación dun espazo público de clara prioridade para o automóbil, con calzada de pavimento asfáltico sen apenas ter beirarrúas e de deficiente iluminación. O proxecto establecerá a prioridade peonil, impoñendo unha restrición dos vehículos, autorizando unicamente o tráfico de necesidade. Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns. O goberno de Tui avanza na súa estratexia de crear un espazo público seguro e amable no que maiores e nenos/nenas non atopen dificultades. Ademais, a veciñanza da zona gañará en seguridade e tranquilidade.

Substituír o firme do ámbito con pavimentos de gran calidade, como lousa, adoquín de granito ou formigón lavado e a dotación de mobiliario urbano e iluminación, son algúns dos traballos que contempla a obra.