Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui convértese no escenario da serie “Piratas” protagonizada por Pilar Rubio

16/12/2010

Tui convértese no escenario da serie “Piratas” protagonizada por Pilar Rubio
As gravacións terán lugar ao longo de toda a próxima semana en distintos escenarios do conxunto histórico

Xoves, 16 de decembro de 2010. O próximo luns comezará en Tui a rodaxe da serie de televisión “Piratas”, que emitirá Telecinco, protagonizada entre outros por Pilar Rubio.

Piratas é unha serie de aventuras ambientada no século XVIII cunha estética moi coidada e gravada na súa maior parte en decorados naturais.  A produtora Producciones Mandarina S.L. elixiu Tui para rodar algunhas das secuencias desta serie ao longo do catro días, do luns 20 ao xoves 23 de decembro dende ás 7 da mañá a 19.30h. Para iso o equipo de gravación chegará xa a Tui este domingo para ir preparando os lugares onde se realizará a gravación.

Os lugares elixidos para rodaxe son a Praza de San Fernando, a Praza de Fromista, as rúas Azinegas e Entrefornos, o túnel e a rúa das Monxas Clarisas, e o cruzamento entre a rúa Entrefornos e o túnel da Misericordia. Nestes espazos durante a rodaxe serán retirados elementos modernos coma sinais, papeleiras, farolas, carteis informativos... xa que a serie lembramos que esta ambientada no século XVIII.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, congratúlase da gravación de secuencias da serie “Piratas” en Tui xa que isto suporá unha promoción moi importante a nivel nacional da cidade, o que sen lugar a dúbidas repercutirá positivamente no turismo. Os distintos escenarios onde ser vai gravar a serie no conxunto histórico da cidade contribuirán a dar a coñecer un dos buques insignia da cidade  a través da pequena pantalla, o que con toda seguridade redundará no incremento de visitantes á Tui.­